Carta do Portavoz

Grazas e seguimos

En nome do grupo promotor de Sumar Galicia e no meu propio, gustaríame darche as grazas polo teu traballo nesta campaña electoral que vén de rematar. A ti, e tamén ás persoas voluntarias, ás persoas que nos votaron, aos equipos de comunicación, mobilización e finanzas, aos centos de apoderadas, ás activistas dixitais e a todas as que destes a cara nas candidaturas nas catro provincias galegas por este proxecto político. Sen vós sería imposible ter afrontado esta campaña electoral. Pero permitídeme que faga un especial recoñecemento á nosa candidata, Marta Lois. A súa luminosidade e audacia son dignas de admiración. Marta terá o papel que ela queira ter no futuro de Sumar Galicia.

Tamén vos quero dicir que lamentamos non ter conseguido os obxectivos marcados, que eran os de entrar no Parlamento de Galicia e provocar un cambio política na Xunta. O resultado das eleccións foi malo, sen paliativos. Non é o noso estilo pór panos quentes, nin botar balóns fóra. Fomos ás eleccións cunha idea clara que non soubemos converter en votos. Asumimos colectivamente a responsabilidade, tamén eu persoalmente, por non ter sabido -ou non ter podido- expandir a maioría do bloque do cambio e non agrupala.

No obstante, tamén vos quero mandar unha mensaxe de esperanza. Seguimos. Temos a Manuel Lago e a Verónica M. Barbero no Congreso e temos consolidado un enorme equipo de traballo: novo e con experiencia. Ademais,  Galicia segue necesitando cumprir cunha lei de vivenda estatal, dar recursos á sanidade pública e afrontar os problemas de soidade non desexada e a saúde mental do noso país. Segue precisando un sistema de coidados, máis autogoberno e un maior compromiso coa loita contra as violencias machistas. Seguimos precisando uns medios públicos que non mintan e unha reforma fiscal. Galicia precisa unha estratexia industrial verde como é debido. 

O noso grupo promotor, que se reunirá nos próximos días, seguirá traballando co obxectivo de implantarnos territorialmente. Cremos necesario dotármonos dunha organización nacional sólida, de base cidadá, para afrontar mellor os retos futuros. As 394 medidas do noso programa electoral constitúen un punto de partida que amosa que temos un proxecto para Galicia. Ademais desta democratización de Sumar Galicia, da que sairán novos liderados, temos ante nós dous retos inmediatos: o 23 de marzo a I Asemblea de Sumar a nivel de Estado, na que temos que participar para construír un verdadeiro suxeito plurinacional; e, en segundo lugar, as próximas eleccións europeas do 9 de xuño, nas que cada voto conta e queremos os mellores resultados.

Apréndese das vitorias e tamén das derrotas e iso é o que nos toca facer agora. Aínda nos falta moita Galicia, que segue fóra, lonxe, e imos seguir traballando por alcanzala.

Paulo Carlos López López

PORTAVOZ SUMAR GALICIA