A candidata de Sumar Galicia á Xunta, Marta Lois, presentou este venres en Santiago as propostas da formación para loitar contra a pobreza e apoiar á infancia galega. Nunha xuntanza coa asociación EAPN e acompañada pola número 3 por Pontevedra, Rocío Núñez, Lois destacou a aposta de Sumar Galicia por unha “renda valente, transformadora e galega” de Garantía, que teña máis alcance que a actual RISGA.
“Dende Sumar Galicia queremos entre propor e impulsar unha Renda Galega de Garantía. Entre outras cousas pretende superar moitas das lóxicas vinculadas ás prestacións, ás axudas e tamén un certo asistencialismo anacrónico“, explicou a candidata.
“É unha renda que ascendería arredor dos 800 euros e que despois, en función dos membros da unidade familiar e persoas a cargo, iríase incrementando.”
A contía sería compatible co Ingreso Mínimo Vital, que a formación busca que sexa xestionado dende o goberno autonómico. Desta forma, ó achegarse ó mínimo do 70% do salario mínimo interprofesional, alíñase coas indicacións do Comité Europeo de Dereitos Sociais sobre as remuneracións suficientes para garantir un nivel de vida digno.
Lois tamén propuxo un novo Plan de Apoio ás Familias Monomarentais. En Galicia, o 82% das familias monoparentais están encabezadas por unha muller.
«Unha de cada catro familias monoparentais en Galicia está nunha situación con grandes necesidades ou con risco de exclusión social e de pobreza», sinalou a tamén deputada no Congreso pola Coruña.
Con este plan, Sumar Galicia ensancha a cobertura ás familias en risco de pobreza en Galicia, un 23,6% actualmente. “Estas e moitas outras medidas son moito máis que necesarias fronte a inacción, o desleixo destes 14 anos e medio do goberno do Partido Popular que non fixo practicamente nada”, dixo Lois.
Sumar Galicia defende desta forma as políticas públicas útiles que xa están dando resultados no resto do Estado. A candidata á Xunta puxo como exemplo destas o traballo levado a cabo dende o Ministerio de Emprego. Segundo os últimos datos da EPA do ano 2023, en Galicia contratáronse 16.400 persoas, maiormente mozos e mulleres.
“Isto o que indica e que esas políticas útiles que están pensadas para á xente funcionan, e funcionan pese a inacción e a falta de dilixencia política da Xunta de Galicia”, apuntou Lois.
“Dende Sumar Galicia hoxe queremos trasladar medidas que teñen que ver con ampliar os recursos, aplicar as ferramentas e cambiar o paradigma dende onde se estaban construíndo as políticas sociais. En definitiva, gobernar este país para os vindeiros 10 anos para que cheguemos á xente que máis o necesite”, concluíu.