A deputada de Sumar Galicia no Congreso dos Deputados, Verónica Martínez, vén de rexistrar Movemento Sumar Galicia como partido político no Ministerio do Interior. Movemento Sumar Galicia nace así como unha organización galega autónoma que estará federada con Movemento Sumar a nivel estatal.
Movemento Sumar Galicia aspira a aglutinar a intelixencia colectiva das moitas persoas que conforman este movemento e que comparten un proxecto de país aberto e inclusivo, construído desde o diálogo e a escoita. Coa vontade de sumar forzas con outros actores, Movemento Sumar Galicia será unha forza centrada nas políticas públicas útiles, co obxectivo de descadrar o taboleiro e ser o imprescindible detonante do cambio político en Galicia. O partido pretende ofrecer ás galegas e galegos outro horizonte: un horizonte de seguridade que garanta vidas dignas, tranquilas, con tempo e felices. É por iso que, nos próximos días, o novo partido dará a coñecer unha comisión promotora formada por galegos e galegas de procedencias diversas, pero co obxectivo común de contribuír de maneira decisiva a gañarmos a próxima década como país.
As máis de 3.500 persoas inscritas en todo o país veñen de recibir, na mañá de hoxe, unha carta asinada por quen exercerá como portavoz da promotora, Paulo Carlos López, na que se compromete a “seguir tecendo a esperanza e a ilusión que xa está a transformar, con políticas públicas útiles, a nosa realidade cotiá”. Desde a promotora, cuxa composición se coñecerá nos próximos días, apelan “á unidade de todas as persoas e organizacións que compoñen este espazo político”. “Nunca renunciamos e nunca renunciaremos á unidade”, afirmou esta mañá o portavoz nacional, Paulo Carlos López López.
O rexistro de Movemento Sumar Galicia supón un paso fundamental para concorreren ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia. No partido son conscientes da xanela de oportunidade histórica que se abre no noso país e inician un camiño que require de toda a enerxía, mobilización e organización para estaren en condicións de ser alternativa de goberno ao PP. “Movemento Sumar Galicia nace para gobernar este país e queremos contar con todos os galegos e galegas coa única vontade de que a esperanza se abra paso en Galicia cun cambio de goberno”, sinalou Paulo Carlos López.
A investidura do novo goberno de coalición progresista no Estado permitirá dar cumprimento ao acordo de goberno asinado entre Sumar e o PSOE. Un acordo programático que permitirá seguir mellorando as condicións materiais de vida das persoas grazas a unha ambiciosa axenda social e territorial. Grazas a ese acordo, centos de miles de galegos e galegas traballarán menos e cobrarán máis. A reducción da xornada laboral, o aumento so SMI e a reforma do despedimento serán só o comezo dunha transformación que tamén pasa por un claro compromiso de avance no autogoberno galego.
Paulo Carlos López López ten 37 anos e é veciño de Betanzos. É profesor no Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. É doutor en Ciencia Política pola Universidade de Valencia e doutor en Comunicación pola Universidade de Santiago. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración. Licenciado en Xornalismo. Membro do Equipo de Investigaciones Políticas e secretario académico de varios congresos internacionais de comunicación política. Investigador con máis de 120 publicacións en revistas científicas internacionais e editoriais de prestixio (Springer, Routledge, Palgrave Macmillan, Centro de Investigaciones Sociológicas ou Tirant lo Blanch). Presentou máis de 50 ponencias en congresos e conferencias internacionais. Impartiu numerosas conferencias maxistrais plenarias. O motor de busca Google Académico dálle un índice H de citación número 13, encargado de medir a calidade profesional dos científicos e da relevancia da súa produción científica. A base de datos mundial Scopus dálle un índice H 8. Traballou durante varios anos na empresa privada en consultaría e en dirección de comunicación, foi bolseiro do Parlamento de Galicia e estivo migrado case un lustro en Ecuador exercendo como profesor e investigador.