Sumar Galicia incorporará todas as demandas dos bombeiros comarcais a un futuro acordo de goberno
O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, comprometeuse a incorporar as demandas dos bombeiros comarcais ao programa electoral da formación e rematou a súa xornada na cidade das Burgas reuníndose cunha ampla representación dos bombeiros comarcais na cidade de Ourense.
Sumar Galicia iniciou o seu proceso de escoita na capital da provincia de Ourense, ata onde se achegaron preto de 60 persoas para “pensar colectivamente o país que queremos”.
Ourense, 2 de decembro de 2023. Máis de medio cento de persoas encheron na mañá deste sábado a sala de usos múltiples do Centro Cívico da Ponte para participar do primeiro acto de escoita de Sumar Galicia. O portavoz da formación, Paulo Carlos López, tomou nota nunha libreta de todas as intervencións dos veciños e veciñas da cidade para posteriormente pechar o acto reafirmando o compromiso de Sumar Galicia coas “políticas públicas útiles que melloran a vida das persoas como a subida do SMI, a reforma laboral que ampliou dereitos ou a reducción da xornada laboral”.
“As políticas públicas que se fixeron no goberno do Estado melloraron as condicións de vida da xente, e queremos trasladar isto ao goberno da Xunta de Galicia”, afirmou o portavoz da formación. López afirmou que “hai país máis alá da AP-9” e que “precisamos que a mocidade non se vexa obrigada a marchar”. Para iso puxo en valor o Estatuto do Bolseiro que a Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, vai aprobar para o conxunto do Estado e que forma parte do acordo do goberno de coalición progresista e plurinacional.
Entre as cidadás e cidadáns que interviron no acto de escoita, destacou a intervención de Honorino Raña, secretario do comité de folga dos bombeiros comarcais, quen fixo unha radiografía da realidade do servizo de emerxencias no noso país. Paulo Carlos López criticou a “inacción e o desprezo” dos gobernos da Xunta e das catro deputacións provinciais. “Esiximos aos gobernos das catro deputacións que reciban aos bombeiros comarcais, que os escoiten e que rematen con esta situación inxusta”, sinalou o portavoz.
Ao acto asistiron tamén membros da plataforma PROCAP que levan anos esixindo que a Xunta cumpla coas familias e coas persoas con discapacidade e garanta a xestión pública do centro, ao igual que no resto das provincias galegas. Logo de escoitar as intervencións de familias afectadas que rexeitan que o centro estea xestionado por empresas privadas. “Non pode ser que esta vaia ser a única provincia cun centro de xestión privada e isto é responsabilidade directa da Xunta de Galicia”, afirmou Paulo Carlos López. O portavoz de Sumar Galicia comprometeuse a que o remate das obras sexa unha prioridade para o novo goberno, pois “estas familias merecen tranquilidade, seguridade e unha vida máis digna e feliz, e nós estamos en política para iso”. “Queremos gobernar este país e garantiremos a xestión pública directa do servizo”, concluíu López.
Reunión cos bombeiros comarcais
Ao finalizar o acto de escoita, o portavoz de Sumar Galicia e outros membros da formación mantiveron unha reunión cunha ampla representación dos bombeiros comarcais, encabezada polo secretario do comité de folga, Honorino Raña.
Paulo Carlos López garantiulles que Sumar Galicia incorporará todas as súas demandas ao seu programa electoral. “É preciso un cambio de modelo a través dunha lei galega integral de emerxencias que garanta o carácter público do servizo, amplíe recursos humanos e materiais, estableza un convenio único con salarios dignos e implemente un plan de igualdade”, afirmou López ante os medios.
Honorino Raña agradeceu a Sumar Galicia e ao seu portavoz a súa “boa disposición” e a “escoita activa” e sinalou que os bombeiros seguirán mobilizándose nas próximas semanas ata que os máximos responsables da Xunta e das deputacións os reciban e os escoiten.