17 DE MAIO “DÍA INTERNACIONAL CONTRA A FOBIA LGTBIQ+”

SUMAR Galicia conmemora un ano máis a celebración do 17 de maio como día Internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia (LGBTIQ+fobia). 

Aínda que no noso país ocupamos unha das mellores posicións de Europa en avances sobre os dereitos LGBTIQ+ e a protección do colectivo, aínda nos queda un longo camiño por percorrer para acadar unha igualdade real e plena. 

A orientación sexual e a identidade de xénero seguen sendo obxecto de persecución en moitos países do mundo, incluídos algúns do noso entorno. No noso, os delitos de odio e as agresións ás persoas do colectivo LGBTIQ+ aumentaron considerablemente, segundo a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE (FRA), que ofrece datos alarmantes. En España, as agresións físicas pasaron en só 2 anos do 8% ao 12%. O 75% dos enquisados españois refiren que a violencia cara ao colectivo aumentou de forma alarmante e unha  de cada 3 persoas LGBTIQ+ refiren ter sufrido discriminación de algún tipo. 

Máis da metade refiren ter sufrido acoso e delitos de odio pola súa orientación sexual, mentres que nas persoas transexuais isto se incrementa a 2 de cada 3. 

En Galicia, a Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia leva sen actualizarse ou levarse a debate desde o ano 2014 (Lei 2/2014). Isto representa unha vergoña para a nosa comunidade que precisa actualizar e implementar novas medidas para frear este aumento da violencia e violación sistemática dos dereitos humanos, con máis medidas e intervención das institucións. 

A nosa comunidade debe atallar esta situación dotando de máis medios ás unidades de saúde mental co obxectivo de frear o alto índice de suicidios e intentos autolíticos entre menores en idade escolar. 

Precisamos programas de educación nos valores de igualdade e non discriminación nas escolas, centros de formación profesional e universidades dependentes da Xunta de Galicia, así como en todos aqueles centros que teñan un concerto coa Consellería de Educación. 

Desde SUMAR Galicia seguiremos traballando firmemente para afrontar e erradicar os delitos de odio contra as persoas LGBTIQ+. Loitaremos pola igualdade real, a non discriminación e a asunción de responsabilidades neste tema por todas e cada unha das administracións. 

Medidas como a Lei 4/2023 promovida polo Ministerio de Traballo e defendida pola Ministra de Traballo e Vicepresidenta Segunda do Goberno e líder de SUMAR, Yolanda Díaz, son a proba do firme compromiso que temos. 

Seguiremos traballando xunto cos colectivos LGBTIQ+, a sociedade civil e os axentes sociais para actuar con firmeza contra a LGBTIQ+fobia. Aproveitamos tamén este día para lembrar a todas, todos e todes as activistas que sufriron ou sofren agresións, son asasinadas ou encarceradas por leis e países polo simple feito de ser e existir e reclamamos á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Unión Europea medidas máis fortes e contundentes para acabar coa penalización da homosexualidade, transexualidade e bisexualidade e a defensa da igualdade en todo o mundo.