8M. Libre para decidir, libre para ser

Este 8M, millóns de mulleres volverán saír á rúa para reivindicar a loita feminista. Unha loita que leva décadas construíndo a nosa liberdade, as nosas vidas. Por iso millóns de voces uniranse para berrar que somos libres de decidir, libres de ser.

Unha liberdade que fomos conquistando e ampliando nas últimas décadas grazas precisamente aos movementos feministas en Galicia e no mundo.

Poder decidir, poder ser, pasa por múltiples lugares e eixos que atravesan a vida das mulleres:

— Pasa porque se respecte e garanta a liberdade de elección sobre os nosos corpos, os nosos desexos, as nosas sexualidades e as nosas identidades de xénero.

— Pasa por poder escoller.

— Pasa por querernos vivas

— Pasa por un compromiso institucional e colectivo para acabar coas violencias machistas.

— Pasa por pensar e crear sen censuras reaccionarias.

— Pasa por garantir as condicións materiais para unha vida digna.

— Pasa por avanzar nos dereitos laborais e pechar a brecha salarial de xénero.

— Pasa por garantir unha vivenda digna e asequible.

— Pasa por ter tempo

— Pasa por mellorar as políticas de conciliación e dependencia.

— Pasa porque os coidados que na actualidade asumen maioritariamente as mulleres sexan un elemento central das políticas públicas, incluíndo o fomento da corresponsabilidade por parte dos homes.

— Pasa por uns servizos públicos de calidade, sen privatizacións ocultas nin condicións laborais precarias.

— Pasa por non ter que morrer na mar nin vivir con medo a ser deportada.

— Pasa por acabar co xenocidio en Palestina. E defender os dereitos das mulleres en calquera conflito, guerra ou réxime no que sexan vulnerados, sexa quen sexa o seu autor.

Pasa porque as feministas sigamos a ser unha onda morada xigante contra a extrema dereita. Porque sexamos capaces de imaxinar, propoñer e construír outros mundos cheos de esperanza, dignidade, liberdade e alegría.

Para Sumar, a liberdade sempre está ligada á igualdade e á xustiza social. E dende aí apostamos por un feminismo inclusivo e interseccional, un feminismo que busca unha transformación social profunda e de gran alcance.

O noso feminismo é o das mulleres cuxo teito é a vida cotiá, un feminismo do 99%. Un feminismo que aposta polo tanto por políticas públicas, recursos e cartos para avanzar en dereitos. E é evidente que o Estado debe asumir a súa responsabilidade feminista na garantía dos dereitos.

E neste proxecto de construción dun mundo feminista encaixamos todas, todas as que estamos dispostas a loitar pola igualdade, a xustiza social e o fin tanto da discriminación como dos privilexios.

Que facer se nas vosas localidades se convocan dúas manifestacións polo 8M?

Sumar acudirá a aquelas manifestacións que sintonizan co noso feminismo. Un criterio sinxelo a este respecto é sumarse a aquelas que se definen como transinclusivas ou transfeministas. É dicir, aquelas que dan cabida a todas as mulleres.

Quero estar
informado/a