A asamblea de Movemento Sumar na Coruña avalía como “preocupante” o balance destes dous anos de mandato municipal

Tras a última xuntanza da Asamblea de Movemento Sumar Galicia na Coruña, a coordinadora comarcal Trinidad Palacios considera que, “lonxe de amosar un cambio de rumbo, os dous últimos anos de goberno de Inés Rey consolidan unha deriva preocupante: ausencia dun proxecto claro e coherente de cidade, improvisación constante (vid. AESIA) e unha cultura política baseada no desprezo á discrepancia”.

Considera Palacios que, malia un contexto electoral “certamente favorable, cunha oposición dócil”, a xestión está marcada pola “falta de dilixencia, a desconexión coa cidadanía e un investimento prioritario en publicidade e marketing, protexida pola complacencia mediática”.

“O goberno actúa con centralismo e posicións unilaterais, anulando mecanismos de participación e agravado por conflitos internos herdados do mandato anterior”, sostén a coordinadora. “A supervivencia política pivota arredor de poucas figuras, con presuntos conflitos de interese, mentres a maioría do grupo municipal permanece irrelevante. A situación orzamentaria é cuestionable, cuns orzamentos irreais e tutela financeira da Xunta”.

A organización laborista considera que “os incumprimentos acumúlanse: a licitación de Nostián, símbolo do caos en Medio Ambiente, ou o caso do autobús urbano, onde tras promesas de mellora, o servizo segue sen licitar”, revelando o que considera “unha Mobilidade sen rumbo”.

Afirman tamén que en Urbanismo e Servizos Sociais impera “a confusión, con discursos progresistas mentres se avalan operacións especulativas”, e poñen como exemplo o convenio das Xubias, e critican que se ceden as competencias municipais á Xunta de Galicia en Monte Mero.

Porén, non é todo negativo na avaliación que Sumar Coruña realiza destes dous anos de goberno municipal. Sinalan como melloras algunhas medidas no eido da vivenda como a declaración de zona tensionada, a nova taxa sobre os aloxamentos turísticos ou a nova regulación das VUT, fronte aos “permanentes atrancos do goberno do presidente Rueda”. Afirman que estarán “vixiantes” para verificar o verdadeiro cumprimento destas medidas, “que non queden no mero titular dun día”.

Na súa análise crítica non faltan Cultura, Deportes e Turismo, que “evidencian falta de planificación e dependencia da externalización de eventos, eliminación de axudas públicas e uso reiterado de contratos menores”, segundo Palacios. Afirma tamén que a débeda do IMCE (3,6 millóns) tería causado un serio impacto no sector cultural local, “sen que se asumiran responsabilidades”. Lamentan tamén o fracaso da prometida municipalización da rede de bibliotecas externas, “ignorada malia o apoio do BNG”.

Sobre memoria democrática, destaca Trinidade Palacios o “desmantelamento de todas as iniciativas previas e a pasividade coa Casa Cornide. 

Finalmente, critica moi duramente a falta de diálogo sobre os novos proxectos, como é o caso de Riazor. Sinala Palacios que se proxecta “unha obra faraónica de máis de 90 millóns de euros sen base sólida nin consenso”. Considera que “a culminación desta deriva está no proceso de integración do porto interior, onde o goberno cede á Autoridade Portuaria e ao Ministerio de Transportes, sen liderado nin criterio propio, entregando o futuro da cidade sen diálogo nin transparencia”.

“Merecemos un goberno local que escoite á cidadanía e aposte por un proxecto aberto e realmente progresista en 2027”, remata Trinidad Palacios.