A limitación do 2% no alugueiro frea a especulación e protexe a miles de fogares fronte á escalada de prezos

Movemento Sumar Galicia salienta a aprobación no Consello de Ministros do Real Decreto-lei 8/2026 como unha medida necesaria e urxente para facer fronte ao impacto económico da crise internacional e, sobre todo, para poñer o dereito á vivenda no centro das políticas públicas.

A limitación extraordinaria do 2% na actualización dos alugueiros supón un alivio inmediato para milleiros de familias, que poderán aforrar entre 182 e 658 euros nos vindeiros dous anos, segundo as estimacións baseadas nos datos do Banco de España. Unha contención que será aínda máis relevante nos territorios máis tensionados e que marca un punto de inflexión fronte ás subas abusivas que se viñan producindo.

Esta medida non só implica aforro, implica estabilidade. A posibilidade de prorrogar durante dous anos os contratos que vencen entre marzo de 2026 e decembro de 2027 evita que moitas persoas teñan que enfrontarse a novos contratos a prezos de mercado disparados, o que na práctica supón evitar incrementos que poden superar os 1.700 euros anuais. É dicir, garante que a xente poida seguir vivindo nas súas casas sen medo a ser expulsada pola especulación.

Movemento Sumar Galicia considera que este tope aos alugueiros é unha ferramenta clara para poñer límites a quen leva anos facendo negocio coa vivenda mentres a maioría social ve como o acceso a un fogar digno se converte nun luxo. Fronte a iso, esta decisión aposta por blindar dereitos, protexer o poder adquisitivo e asegurar condicións de vida dignas.

Nun contexto de incerteza económica global, a resposta non pode ser deixar facer ao mercado. É responsabilidade das institucións actuar con determinación para garantir que ninguén quede atrás. Por iso, Movemento Sumar Galicia chama a todas as forzas políticas a apoiar a convalidación desta medida no Congreso e a situarse do lado das persoas inquilinas.

O camiño cara a un modelo de vivenda máis xusto e accesible require decisións valentes como esta. Hoxe dáse un paso importante, pero é evidente que queda moito por facer para acabar definitivamente coa especulación e garantir o dereito efectivo á vivenda.