A Xunta fai trampa coa vivenda protexida: un anuncio que agocha un novo negocio para promotores e fondos

Movemento Sumar Galicia entrou no debate de orzamentos, indicando que considera unha “auténtica burla á cidadanía” o anuncio da Xunta de Galicia de permitir edificar ata un 20% extra en solo urbano sempre que a maioría das vivendas sexan protexidas. O secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, denuncia que “o Goberno de Rueda quere vender fume, presentando como unha boa nova o que en realidade é unha medida tramposa, que deixa intacto o negocio da especulación e non garante o dereito á vivenda para a maioría social”.

Paulo Carlos López advertiu de que “a lei de vivenda permite liberalizar esas vivendas protexidas aos dez anos, co cal a Xunta dá vía libre a que promotores e fondos constrúan vivenda pública de cartón pedra, que en pouco tempo pasará a ser vivenda de mercado libre”. Segundo o secretario xeral, “a vivenda protexida ten que ser non segregable e debe destinarse a alugueiro estable e accesible, non ao servizo da especulación. Calquera outra cousa”, sostén, “significa subvencionar o negocio das constructoras e dos rentistas”.

No partido laborista lembran que Galicia é o territorio do Estado con maior porcentaxe de vivenda baleira, cun 28,8 % dos inmobles desocupados, e que polo tanto a prioridade non pode ser seguir construíndo sen orde nin sentido, senón poñer en uso o parque existente, actuar contra o acaparamento de vivenda e limitar os prezos do alugueiro nas zonas tensionadas. “A Xunta non quere gobernar para a maioría social, senón para quen fai negocio coa vivenda. Mentres o PP siga defendendo os intereses dos grandes propietarios, será a nosa Iniciativa Lexislativa Popular a que poña sobre a mesa as medidas necesarias para mudar o paradigma da vivenda en Galicia”, afirmou López.

“Non nos opoñemos de maneira absoluta á nova construcción, faltaría máis”, afirma o secretario xeral, “pero non pode ser unha barra libre. A prioridade debe ser a rehabilitación e posta en valor, e só construir vivenda nova, e pública, nas zonas tensionadas”.

Movemento Sumar Galicia insiste en que é urxente intervir o mercado, mobilizar a vivenda baleira, frear a expansión das vivendas turísticas que expulsan veciñanza dos barrios, e garantir que a vivenda protexida o sexa de verdade, para quen a precisa e non para engordar a conta de resultados dos promotores. “Non queremos máis anuncios cosméticos: queremos políticas valentes, que fagan da vivenda un dereito e non unha mercadoría”, concluíu Paulo Carlos López.