Avanzamos na construción dunha ampla fronte municipalista para 2027 en todo o país

Os acordos xa pechados en Ferrol e os procesos abertos nas principais vilas e cidades consolidan un espazo de cooperación estable da esquerda transformadora galega

Movemento Sumar Galicia continúa dando pasos firmes na construción dunha alternativa ampla para as eleccións municipais de 2027, nun momento no que os acordos, os espazos compartidos e os procesos de diálogo coa esquerda transformadora galega comezan xa a materializarse en distintos puntos do país.

O acordo alcanzado en Ferrol marca un punto de inflexión neste proceso. Ferrol en Común, Sumar, Anova, Esquerda Unida e Podemos anunciamos o pasado 21 de maio unha candidatura única baixo a marca consolidada de FeC, reunindo nun mesmo proxecto a toda a esquerda transformadora da cidade co obxectivo de recuperar o Concello. Consideramos que esta alianza demostra que é posible construír espazos amplos, útiles e con capacidade real de goberno desde a cooperación e o traballo compartido.

O escenario repítese xa noutras cidades galegas. Na Coruña, Sumar, Podemos e Esquerda Unida levamos un tempo conversando e actuando de maneira coordinada, cunha vontade pública e explícita de concorreren conxuntamente en 2027. En Santiago de Compostela, existe xa traballo compartido con Compostela Aberta, e colaboramos activamente. En Vigo, o proceso iniciado tras a carta remitida por Movemento Sumar Galicia a Esquerda Unida, Verdes Equo, Anova e Podemos Vigo abriu un diálogo político que xa comezou a visualizarse en espazos compartidos e mobilizacións conxuntas.

A Conferencia Política Nacional celebrada en Ames o pasado sábado serviu tamén como confirmación pública deste novo momento político. No encontro participaron representantes de plataformas e candidaturas municipalistas de diferentes comarcas e concellos galegos, que puxeron en común experiencias de goberno, iniciativas locais e propostas para reforzar os servizos públicos, o dereito á vivenda, o feminismo, a defensa do rural ou a transición ecolóxica.

Este proceso non nace de relacións improvisadas nin de contactos puntuais. Con moitas das forzas coas que hoxe se están explorando candidaturas compartidas mantemos desde hai tempo unha colaboración institucional e política tanto no ámbito municipal como no parlamentar e estatal. Son organizacións e espazos cos que xa existen iniciativas compartidas, acordos programáticos e unha práctica común de oposición ás políticas do PP tanto en Galicia como no conxunto do Estado.

O noso obxectivo pasa por impulsar unha ampla rede de candidaturas municipalistas con arraigo territorial, capaces de representar en cada concello unha esquerda transformadora útil, próxima e conectada coa realidade social do país. Un proxecto que aspira a construír maiorías desde abaixo, fortalecendo unha casa común aberta á pluralidade e preparada para disputar o goberno das institucións galegas en 2027 e 2028.

Galicia móvese cara a un novo ciclo político municipalista. E queremos facelo da man da cidadanía, dos movementos sociais e das forzas progresistas que levan anos traballando sobre o territorio para construír alternativas reais en cada barrio, vila e parroquia.