CARTA DA SECRETARÍA XERAL E DA PRESIDENCIA DE MOVEMENTO SUMAR GALICIA Á MILITANCIA

Compañeiras e compañeiros,

Dirixímonos a vós nun momento de enorme gravidade para o noso país e en especial para a provincia de Ourense. Galicia está a sufrir unhas das peores vagas de incendios da súa historia, con milleiros de hectáreas queimadas, núcleos de poboación ameazados, persoas que se ven obrigadas a abandonar os seus fogares e ducias de infraestruturas que vertebran o noso país cortadas. A traxedia é ambiental, social e humana. 

Pensamos que agora mesmo non é o momento da liorta política, senón da colaboración entre administracións e da máxima mobilización de recursos ante a maior urxencia que temos a día de hoxe: apagar os lumes. Agradecemos o seu traballo ás persoas brigadistas, bombeiros, persoal de emerxencias, protección civil e forzas de seguridade. Mais tamén sabemos da necesidade dunha política de prevención con máis recursos, mellor ordenación do territorio e asumir que o cambio climático é un feito que cambia a forma de afrontar a xestión dos lumes. 

A Xunta, presidida por Alfonso Rueda, está desbordada e así o vén de manifestar. Non existe unha estratexia preventiva real nin unha resposta á altura da magnitude desta emerxencia. Tempo haberá de falar disto, xa que agora mesmo sabemos cal é a prioridade. Movemento Sumar Galicia vén de manifestarse nestes días sobre esta situación, tal e como veriades nos medios de comunicación. As nosas peticións resúmense nestas medidas urxentes. 

  • O día 12 de Agosto pedimos responsabilidade ás empresas para suspender as xornadas de traballo se así se require naqueles lugares afectados pola proximidade do lume e as consecuencias do fume. Debemos priorizar a saúde e a seguridade das persoas traballadoras. Tamén chamamos á máxima coordinación entre administracións.
  • O día 14 de agosto solicitamos á Xunta que pedira o nivel tres de emerxencia nacional porque os incendios son de extrema gravidade, tanto en dimensión como en número, temos condicións meteorolóxicas adversas, con previsión de altas temperaturas, existe risco para poboación, bens e paisaxes naturais, precisamos coordinación entre administracións e control, e, ademais, debemos mobilizar medios extraordinarios.
  • Hoxe, día 16 de agosto, solicitamos ao Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, que mobilice todos os recursos dispoñibles en materia de extinción de lumes, ante un Alfonso Rueda desbordado e con actuacións neglixentes por culpa do maldito cálculo político do señor Feijóo.  Tamén solicitamos que o Goberno do Estado active máis intensamente o Mecanismo Europeo de Protección Civil que permitiría a chegada urxente de medios aéreos e terrestres doutros estados membros, así como apoio técnico especializado, xa que non hai tempo que perder e dous avións cisterna de Francia tampouco son suficientes.

Compañeiras e compañeiros, sabemos que moitas e moitos de vós estades vivindo esta situación en primeira persoa, ben de forma directa ou por ter familiares ou amizades afectadas. Chamamos a manter a firmeza, a solidariedade e o compromiso que sempre nos caracterizou.  Hoxe, máis que nunca, necesitamos sumar forzas para defender o noso territorio, a nosa xente e a nosa dignidade colectiva.

Unha aperta fraterna,

PAULO CARLOS LÓPEZ LÓPEZ
Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia

VERÓNICA BARBERO
Presidenta de Movemento Sumar Galicia