Querida militancia:
A Asemblea Estatal de Movimiento Sumar, celebrada o pasado sábado 11 de xullo, abre unha nova etapa política. A elección de Verónica Barbero como coordinadora cunha grande e forte maioría supón unha oportunidade para reforzar un proxecto común no conxunto do Estado e, ao mesmo tempo, para facer valer a voz do noso país dentro dun espazo progresista, federal e plurinacional.

Neste sentido, tamén teño que darvos unha boa noticia: Verónica seguirá sendo presidenta de Movemento Sumar Galicia. Non marcha. Simplemente terá algo menos de tempo para nós, e o noso deber será o de multiplicarnos para demostrarlle que a súa xenerosidade será correspondida.
Desde Movemento Sumar Galicia asumiremos novas responsabilidades no ámbito estatal, pero estar presentes nese espazo non significa afastarnos de Galicia. Significa contar con máis capacidade para traballar por ela. Pola miña banda, seguirei centrado nas miñas responsabilidades como secretario xeral, porque o meu compromiso continúa sendo construír unha esquerda galega útil, soberana nas súas decisións, conectada coa realidade social e con vocación de maioría. Unha esquerda que fale de vivenda, emprego digno, servizos públicos, igualdade, transición ecolóxica xusta, dereitos LGTBIQA+ e equilibrio territorial.
Temos por diante retos importantes. O primeiro deles é seguir facendo organización. Precisamos fortalecer os grupos comarcais, incorporar máis persoas ao proxecto e crear espazos reais de participación. Ningún proxecto político pode medrar sen militancia, sen presenza territorial e sen unha organización capaz de escoitar, debater e actuar. Neste sentido, nas próximas semanas actualizaremos as responsabilidades e os órganos de dirección de Movemento Sumar Galicia. Queremos incorporar novas persoas, reforzar a coordinación territorial e distribuír mellor as tarefas. O obxectivo é chegar ao mes de setembro cunha organización renovada, máis cohesionada e preparada para comezar o novo curso político con forza e cunha folla de ruta compartida.
Outro dos grandes retos será a preparación das eleccións municipais. Por iso, a próxima Executiva proporá á Coordinadora Nacional Galega a aprobación dun regulamento que recolla o procedemento para manifestar o interese en presentar candidaturas, a nosa política de alianzas e a necesidade de escoller canto antes as persoas referentes de cada candidatura para comezar a traballar.
Todo isto deberá avanzar en paralelo á preparación das próximas eleccións xerais e ao reforzamento dese Paso á Fronte que queremos dar. Aspiramos a contribuír á conformación dunha maioría progresista no conxunto do Estado e a repetir un goberno de coalición progresista. As nosas vidas van nisto.

Ademais, como peche do curso político celebraremos na Coruña o Día da Matria Galega, do que se vos informará proximamente. Queremos que sexa unha xornada de reivindicación e encontro, na que afirmemos a nosa vontade de construír unha Galicia con máis dereitos, máis igualdade e máis futuro. Un país orgulloso da súa identidade, pero tamén diverso, inclusivo e solidario.
Compañeiras, compañeiros. Construír a esquerda galega esixe paciencia, xenerosidade e traballo colectivo. Non se fai dun día para outro nin depende unicamente dos procesos electorais. Faise creando comunidade, formando militancia, estando presentes no territorio e demostrando que somos unha organización útil para mellorar a vida da xente. Agora comeza unha nova etapa na que estamos máis fortes, con máis militancia e liderando o noso espazo. Afrontámola con ilusión, responsabilidade e coa certeza de que Galicia ten moito que achegar ao proxecto común. Asumiremos responsabilidades no Estado, pero seguiremos coa mirada, os pés e o corazón postos no noso país.
Como dicía ao inicio, a xenerosidade de Verónica Barbero esixe a nosa reciprocidade como organización.
Unha aperta,
Paulo Carlos López-López
Secretario xeral de Movemento Sumar Galicia