Comunicado da Comisión Permanente de Sumar Galicia

O resultado das eleccións europeas do 9 de xuño non foi o desexado para Sumar Galicia, e cualificámolo como malo. A nivel europeo, observamos como medra a onda reaccionaria; en España, a nosa coalición só foi quen de apañar tres euro-deputadas e o 4,65% do voto. En Galicia fomos a quinta forza política co 2,07% e 23.159 votos, porcentaxe, se ben superior ás últimas eleccións galegas, insuficiente para as nosas expectativas. Aínda así, estamos enormemente agradecidas por todo o traballo feito por voluntarias, apoderadas e as persoas que deron a cara neste campaña electoral. Tamén agradecidas ás nosas e aos nosos votantes.

O esforzo do noso candidato nesta campaña electoral, Juan Díaz Villoslada, así como da nosa Permanente nos últimos meses, facendo un programa propio ou constituíndo varias agrupacións comarcais co obxectivo de dotármonos de máis solidez organizativa, non foi quen de trasladarse en número de votos. Aínda así, somos conscientes de que o “marco” das eleccións europeas era outro, e pouco podíamos facer. Mais non queremos fuxir das nosas responsabilidades.

Sumar Galicia non conta con persoas liberadas e todo é froito do voluntarismo de moita xente. Está claro que precisamos máis tempo para consolidarnos, medrar e definir o noso horizonte estratéxico, que, para que sexa eficaz, debe ser colectivo. Un horizonte onde se comprenda o papel que temos que xogar en Galicia e cales deben ser os nosos liderados, tamén a nivel de Estado. Hoxe tivemos a mala noticia de que Yolanda Díaz deixa a coordinación de Sumar e que este xoves 13 teremos unha xuntanza da Coordinadora Estatal. A ela acudiremos coa máxima responsabilidade, para logo comunicar as decisións e deliberacións á nosa Promotora e á nosa Permanente en Galicia, da que tamén vos faremos coñecedores e coñecedoras. A partir de aí, cremos importante abrir un escenario de discusión sincera e colectiva sobre absolutamente todo.

Unha aperta

PERMANENTE SUMAR GALICIA