Comunicado sobre o encontro entre Yolanda Díaz e Pedro Sánchez en cuestións de defensa

Sumar avoga por un modelo de seguridade europeo autónomo que protexa os dereitos sociais e promova a paz.

A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, mantivo este martes no Pazo da Moncloa unha reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para transmitirlle a necesidade de avanzar na autonomía estratéxica de Europa.

Díaz afirmou que é necesaria unha avaliación e un diagnóstico transparente das necesidades, así como un proxecto claro que aborde o cambio de paradigma xeopolítico global que estamos a vivir tras a chegada de Donald Trump á Casa Branca e a guerra en Ucraína tras a invasión de Rusia.

Para desenvolver un modelo de defensa en España no marco dun novo proxecto europeo é fundamental comprender as necesidades e os retos, así como os medios para afrontar os profundos cambios xeopolíticos que atravesa Europa.

É necesario avanzar cara a un modelo europeo de defensa e seguridade autónomo, defensivo e disuasorio que abrace o multilateralismo e a defensa da paz e da seguridade no marco das Nacións Unidas.

O aumento do gasto en defensa dos distintos Estados membros non garante que se superen os problemas de coordinación e falta de interoperabilidade entre as forzas armadas dos distintos países da UE. Non garante unha maior autonomía estratéxica nin maiores cotas de seguridade compartida.

É fundamental avanzar na soberanía europea para superar a dependencia neste ámbito da OTAN e EEUU, e o seu complexo militar-industrial.

Garantir hoxe a seguridade europea esixe poñer a cohesión social e a loita contra o cambio climático no centro das nosas políticas. Non haberá seguridade europea se non abordamos a loita contra a precariedade e a pobreza endémica que hai no continente.

Polo tanto, é necesario promover unha axenda social reforzada en Europa. O Cumio Social do Porto é unha oportunidade para que España posicione a cohesión social como elemento central da seguridade europea, ao tempo que reforza a axenda social da lexislatura no noso país.

Construír a autonomía e a soberanía europeas non só é compatible coa ampliación da protección social e do Estado do benestar. Depende diso.

A seguridade europea está en xogo hoxe no ámbito da defensa, pero tamén no ámbito da tecnoloxía, a ciberseguridade, a cohesión social e a ameaza do cambio climático.

Por último, Sumar fixo fincapé na necesidade de avanzar nun proxecto de paz para Ucraína e situar os dereitos do pobo ucraíno e a súa soberanía no centro deste proceso. Neste sentido, Díaz e Sánchez acordaron seguir elaborando unha proposta conxunta nas próximas semanas.

Quero estar
informado/a