A candidata de Sumar Galicia á Xunta, Marta Lois, acompañada polo número 2 pola Coruña, Paulo Carlos López, reuniuse esta mañá ca Federación Down Galicia en Santiago de Compostela para abordar as inquedanzas co colectivo.
En declaracións previas á xuntanza o presidente Delmiro Prieto agradeceulle á candidata a súa dispoñibilidade e resaltou que o obxectivo era “apostar e dar pasos definitivos para a normalización das persoas que teñen algún tipo de dificultade”.
Lois destacou que Sumar Galicia leva medidas que “apostan clara pola diversidade, a inclusión, e máis recursos e ferramentas para facelas efectivas”. A tamén deputada pola provincia da Coruña propuxo un “plan valente e ambicioso” cara á accesibilidade universal.
“Estamos apostando por un 1,5% dos orzamentos para que de maneira transversal tanto na mobilidade como na axenda urbana como nos programas públicos se garanta esa accesibilidade”.
Dende Sumar Galicia tamén propoñemos unha nova lei reguladora da asistencia persoal para garantir o dereito humano das persoas con diversidade funcional a vivir en Galicia de forma independente. “Entendemos que teñen que haber recursos e mecanismos, afastándose do modelo máis tutelado de institucionalización residencial”, afirmou a candidata.
“En paralelo queremos tamén impulsar unha rede de atención á vida independente”, explicou Lois. “Non queremos unha Administración pública meramente asistencial”.
A líder de Sumar Galicia tamén destacou a necesidade de impulsar unha nova normativa educativa para que os centros educativos sexan “sensibles á diversidade”, así como medidas no emprego.