Movemento Sumar Galicia expresa a súa profunda preocupación polas graves prácticas denunciadas en hospitais xestionados por Ribera Salud, entre as que se inclúen a reutilización de material sanitario de un só uso, a priorización de tratamentos máis rendibles e a suxestión de elevar listas de espera en detrimento dos pacientes. Estas prácticas, inicialmente detectadas no Hospital Universitario de Torrejón de Ardoz, foron denunciadas recentemente tamén no Hospital de Elche, ambos con xestión privada pero financiamento público.

“É inaceptable que hospitais sostidos con fondos públicos prioricen o beneficio económico sobre a saúde das persoas. Este modelo privatizador non só pon en risco aos usuarios, senón que tamén precariza aos profesionais sanitarios e favorece os intereses de fondos de investimento”, subliña Paulo Carlos López, secretario xeral de Movemento Sumar Galicia.
Neste contexto, a organización laborista fai un chamamento á Xunta de Galicia para que revele as medidas concretas de inspección e control que se están aplicando no Hospital Povisa de Vigo, centro privado con concerto público que actualmente está baixo a administración de Pablo Gallart, directivo vinculado ás polémicas de Torrejón e Elche. “É imprescindible garantir que en Povisa non se reproduzan prácticas que poidan poñer en perigo a seguridade sanitaria dos usuarios”, engade López.
A organización lembra que as filtracións en Torrejón e Elche inclúen audios e correos internos nos que se suxire reutilizar materiais de un só uso para aforrar custos, a priorización de pacientes máis rendibles e a busca de máximo beneficio económico a costa da atención sanitaria. Estes feitos foron obxecto de denuncia pública e actualmente están baixo investigación xudicial e administrativa.
Movemento Sumar Galicia tamén subliña que este caso evidencia que a privatización da xestión de hospitais con financiamento público resta recursos á sanidade pública, favorece fondos de investimento privados e prexudica tanto aos usuarios como aos traballadores sanitarios. “A sanidade pública debe estar controlada pola administración sanitaria, con transparencia e supervisión independente. Calquera outra práctica pon en risco dereitos básicos”, conclúe Paulo Carlos López. “Queremos sanidade pública, de calidade, universal e gratuíta, nada menos”.
Movemento Sumar Galicia manterá a presión política e social para garantir que se salvagarden os dereitos e a seguridade de todas as persoas usuarias do sistema sanitario galego.