Movemento Sumar Galicia participa activamente nas manifestacións que se celebran este xoves 1 de Maio, Día internacional de clase traballadora. Facémolo porque nós somos unha forza laborista, comprometida cos dereitos da clase traballadora e aliada dos sindicatos.

Temos a obriga de preservar os avances sociais e laborais alcanzados ata o de agora, pero sobre todo de seguir avanzando na mellora das condicións de vida e de traballo, en Galicia e en todo o mundo. Este 1º de maio as persoas traballadoras de todos os países saen ás rúas coa vontade compartida de ampliar dereitos para construir un mundo máis xusto, máis libre, mais igualitario e máis feminista.
Temos unha longa lista de reivindicacións, pero hai unha histórica e especialmente destacada: reducir a xornada laboral sen reducir os salarios.
Este é o compromiso que ten asumido Sumar no Goberno de España. É un acordo asinado cos sindicatos de clase que será aprobado o vindeiro martes no Consello de Ministros, para ser aprobada no Congreso dos Deputados polos grupos parlamentarios: traballar menos horas para vivir mellor, é posible.
Sumar é unha forza comprometida cos dereitos laborais: subimos o salario mínimo en 61 %, creamos empregos estables e combatemos a temporalidade coa reforma laboral, protexemos centos de miles de empregos en Galicia cos ERTE e melloramos a protección ás persoas desempregadas.
Este camiño de avance en dereitos, concrétase hoxe en reducir a xornada laboral a 37,5 horas, unha medida que mellorará a vida de 12 millóns de persoas traballadoras, ao mesmo tempo que impulsará a modernización da nosa economía.
Hoxe tócanos a nós, nas rúas e no Goberno seguir avanzando neste proceso establecendo unha xornada de 37,5 horas sen redución salarial.
Ademáis, neste 1 de maio, en Galicia, no estado, en Europa e no mundo, as persoas traballadoras mobilizaranse tamén pola paz de Ucraína, contra o xenocidio en Gaza, contra o autoritarismo e o militarismo.
Estamos a un paso de traballar menos e vivir mellor e precisamos contar convosco para facelo realidade: contra o imperialismo, pola defensa dos intereses da clase traballadora e pola redución da xornada laboral, vémonos nas rúas de todo o País!
Fagamos que este 1 de Maio sexa o derradeiro traballando 40 horas.