Existimos e existiremos. Fronte ao seu odio, dereitos.

MANIFESTO 17 DE MAIO – DÍA INTERNACIONAL CONTRA A LGTBIFOBIA

Hoxe, 17 de maio, alzamos a voz con forza e determinación para denunciar unha realidade innegable: a LGTBIfobia non desapareceu. Segue presente en leis discriminatorias, en discursos de odio, en agresións impunes e nas múltiples barreiras que millóns de persoas afrontan cada día simplemente por seren quen son.

Esta data conmemora a eliminación da homosexualidade da lista de enfermidades mentais por parte da OMS en 1990. Un fito histórico, si, pero lonxe de ser un punto final, é un recordatorio de que a loita pola igualdade e pola dignidade das persoas LGTBIQA+ segue a ser urxente e necesaria. A día de hoxe, en máis de 60 países, vivir abertamente como persoa LGTBIQA+ continúa a ser un delito. Noutros moitos, os dereitos conquistados están a ser atacados por gobernos autoritarios, movementos ultraconservadores e fanatismos relixiosos.

En España, conseguimos avances significativos que deben ser defendidos con firmeza. A implementación da Lei 3/2023, que recoñece legalmente as identidades trans e LGTBI e obriga as institucións a garantir unha vida libre de discriminación, marcou un antes e un despois. Porén, esta lei enfróntase agora a unha ameaza directa no Tribunal Constitucional, tras o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Partido Popular e os seus socios de VOX, seguindo os mesmos pasos que no seu día coa Lei do Matrimonio Igualitario hai 20 anos.

Celebramos tamén a aprobación da Lei de Igualdade no Traballo, impulsada pola vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que reforza a protección fronte á discriminación laboral por orientación sexual ou identidade de xénero, un ámbito onde a violencia segue a ser silenciosa pero constante. E destacamos con orgullo a proposta lexislativa para o recoñecemento das persoas non binarias, presentada recentemente polo noso grupo parlamentario, que dá visibilidade a unha realidade historicamente excluída.

Non podemos esquecer que a discriminación tamén se manifesta en forma de illamento e silencio, especialmente nos contornos rurais. Alí, ser LGTBIQA+ implica, a miúdo, enfrontarse a unha maior invisibilidade, á falta de referentes, a redes de apoio escasas e ao medo ao rexeitamento social ou familiar. A soidade e o estigma pesan máis onde a diversidade se vive en voz baixa ou se agocha. Reivindicamos políticas públicas inclusivas que cheguen a todos os territorios, garantan dereitos sen importar o código postal e eliminen a exclusión xeográfica das nosas realidades.

Mais estes avances non significan que a batalla estea gañada. Estamos a observar como os discursos de odio avanzan tanto nas institucións como nas redes sociais. Perséguese a diversidade nas escolas, quéstionanse leis con argumentos reaccionarios e recórtanse recursos destinados a políticas públicas esenciais. Mentres tanto, aumentan as agresións, a exclusión, o acoso escolar e a precariedade.

Por iso, hoxe reclamamos compromiso político, responsabilidade social e xustiza institucional. Denunciamos a pasividade fronte á violencia e esiximos unha aplicación firme, coherente e valente das leis. Desde o Movemento Sumar reiteramos o noso pleno apoio ao Pacto de Estado contra os Delitos de Odio. Esiximos poder vivir sen medo, sen agocharnos, sen renunciar aos nosos dereitos.

O 17 de maio non é unha efeméride máis. É un chamado á acción. Un recordatorio de todo o que aínda queda por facer. Das voces que aínda se calan. Dos corpos que aínda se marxinan. Das familias que aínda se negan.

Fronte á LGTBIfobia: igualdade, respecto e dereitos reais.

Quero estar
informado/a