- Paulo Carlos López celebra a denegación de axudas de industria a ALTRI
- “O desta mañá pareceu a rula do peixe, falta saber qué amigo do PP da o primeiro mío”.
- “O PP son traidores a Galicia, só é unha peza máis no seu intento de facer caer o goberno de Sumar e PSOE.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, vén de valorar o discurso do presidente da Xunta de Galicia no Debate sobre o Estado da Autonomía, como “autocompracente” e sitúa a Alfonso Rueda na “estratosfera”.
Lopez sinalou especialmente a ALTRI, no día no que se coñece que o goberno do Estado rexeita conceder fondos públicos para a implantación da megapasteira en Palas de Rei. “Celebramos que empece a aclararse a postura do Ministerio e que denegue as axudas para unha industria moi contaminante”, afirmou. “Dende logo está claro que fai máis por Galicia o goberno do Estado de Sumar que a Xunta de Rueda”.
“Rueda fala dunha Galicia que funciona. Funciona un País que perde poboación, que deteriora os servizos públicos, funciona un país onde o peso relativo da súa economía e menor que hai unha década e onde a vivenda estase a converter nun privilexio?”, indica Paulo Carlos López. O que funciona é o goberno do Estado, “que nega axudas a industrias altamente contaminantes, como ten que ser”, di con ironía.
Sobre a condonación da débeda, López denunciou as “vergonzantes” afirmacións do presidente da Xunta, quen afirmou que non melloraría a situación de Galicia. “Igual debería asistir a algunhas clases de matemáticas nos institutos que ten abandonados. Ou nas facultades que despreza cos recortes orzamentarios: con menos débeda, pagaranse menos intereses e haberá máis liquidez para atender as necesidades dun país que está abandonado e maltratado polas políticas da dereita. É algo que entende todo o mundo.”
“Todo o mundo menos o PP, que ten máis interese en alimentar a loita de Ayuso e Feijóo, aliados coa estrema dereita contra o goberno do Estado”, denuncia López. “Para Rueda, Galicia só é unha peza máis a sacrificar para os plans do seu partido. Son traidores a todos os efectos: negan a lexitimidade do goberno de Sumar e PSOE, rexeitan calquera pacto de Estado, abandonan á clase traballadora e ás empresas do país. Non lles importa quen sufra se conseguen facer caír ao goberno.”
“Insiste en compararse con Catalunya, como se tivera complexo”, afirmou López. “Se ten envexa do que Catalunya logra para sí, teno fácil: que abandone o dogma madrileño, que deixe de ser refén de Ayuso e Feijoo, e empece a defender de verdade as necesidades do país”.
Afirmou tamén o secretario xeral que “agora lle entran as presas, calquera diría que levan 16 anos gobernando. Residencias, autovías, centros de investigación… Parecía un bazar. Ou a rula do peixe. Agora falta saber qué amigo do PP da o primeiro mío”.
Para o Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, “Galicia está conxelada no tempo e non progresa por un Goberno que non rueda” e insta ao Presidenta da Xunta “deixar de ser lacazán e a portarse ben, aplicando a Lei de Vivenda e declarando zonas tensionadas barrios da Coruña, Santiago e Vigo” ao que engade “e que se acolla á quita da débeda proposta polo Goberno do Estado, que é altamente beneficiosa e un punto de partida para un novo modelo de financiamento”.