“Ferrolterra precisa un transporte público pensado para a xente, non para cubrir expediente”

Movemento Sumar Galicia apoia o encontro por un transporte digno que se celebra en Ferrol

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, denunciou o “abandono continuado” da Xunta de Galicia no transporte público de Ferrolterra e reclamou unha actuación urxente para garantir unha mobilidade digna na comarca. López criticou que a veciñanza siga padecendo frecuencias insuficientes, horarios mal deseñados, conexións deficientes entre concellos e un servizo que non responde ás necesidades reais de quen traballa, estuda ou precisa desprazarse a servizos básicos. “A Xunta non pode seguir mirando para outro lado. O transporte público é un dereito, non unha concesión graciosa”, afirmou.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia tamén advertiu do estado das instalacións da estación de autobuses de Ferrol, que cualificou como “un símbolo máis do abandono institucional que sofre a comarca”. Para López, “non se pode falar de mobilidade moderna mentres se manteñen infraestruturas degradadas e servizos públicos claramente insuficientes”. Movemento Sumar Galicia vincula esta situación cun problema máis amplo: a falta de compromiso real coas infraestruturas básicas que Ferrol necesita. Nese sentido, López lembrou o atraso histórico de actuacións fundamentais como o baipás de Betanzos, imprescindible para mellorar a conexión ferroviaria da comarca. “Ferrolterra leva anos escoitando promesas mentres as obras estratéxicas non chegan”, sinalou.

Paulo Carlos López foi especialmente crítico coa xestión do transporte por estrada por parte da Xunta: “O Goberno galego reparte rutas a empresas amigas de autobuses que logo non cumpren, mentres a xente queda tirada, chega tarde ou directamente non ten alternativa ao coche privado.” Movemento Sumar Galicia reclama un plan comarcal de mobilidade para Ferrolterra, con máis frecuencias, mellores conexións, control real das concesionarias, mellora das instalacións e unha aposta decidida polas infraestruturas pendentes. “Sen transporte público digno non hai igualdade, nin cohesión territorial, nin futuro para Ferrolterra”, concluíu López.

“Ferrolterra precisa un transporte público pensado para a xente, non para cubrir expediente. A Xunta debe deixar de tratar a mobilidade da comarca como un problema secundario e asumir dunha vez que sen transporte público digno non hai cohesión territorial nin igualdade de oportunidades”, conclúen desde Movemento Sumar Galicia.