Contaremos con 36 persoas delegadas das que 32, serán por lista. A delegación elexirase o vindeiro día 22 de febreiro no encontro que terá toda a afiliación en Compostela.

Movemento Sumar Galicia contará con 36 persoas delegadas na “Asamblea 2025 de Movimiento Sumar” que se celebrará o vindeiro 29 e 30 de marzo, organización coa que se atopa federada, sendo das delegacións máis numerosas por ser quen máis persoas afiliadas achega.
Concretamente, é o territorio con maior peso relativo en función da súa poboación, e o quinto en números absolutos despois de Madrid (75), Andalucía (63), País Valenciá (37), e Catalunya (35), referíndose ao número de delegadas por lista. Das 36 persoas, 4 serán delegados e delegadas natas ao formar parte do grupo coordinador en funcións (Marta Lois, Manuel Lago, Verónica M. Barbero e Paulo Carlos López), e as outras 32 escolleranse o día 22 de febreiro no encontro nacional galego que se celebrará en Milladoiro.
Para o Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, a delegación galega, practicamente parella á representación do País Valenciá e Catalunya en número de persoas delegadas a pesar de contar con moita menos poboación”, amosa, “o enorme esforzo de expansión territorial que estamos a facer no noso País”. Para López, varios son os obxectivos da delegación galega nesta asemblea, entre eles, “o de reforzar o liderado de Verónica M. Barbero no Congreso dos Deputados”, e o “liderado institucional de Yolanda Díaz no goberno de coalición, apoiando e arroupando as súas medidas laboristas que melloran as condicións de vida da xente traballadora, estando xa ansiosos e ansiosas de aprobar a redución da xornada laboral”.
O Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia tamén apunta á importancia desta asemblea, “en termos políticos”, actualizando as bases dunha organización “clave” para manter “un dos poucos gobernos progresistas no mundo ante o avance dos gobernos reaccionarios”.