Movemento Sumar Galicia valora positivamente a aprobación no Congreso do Real Decreto Lei de medidas para facer fronte aos efectos da guerra ilegal e inxusta impulsada por Donald Trump e Benjamin Netanyahu, un paquete que reforza a protección social e económica fronte a unha crise que non pode recaer sobre a maioría social.

A organización sinala que, unha vez máis, a dereita e a extrema dereita volveron situarse de costas á cidadanía. Vox votou en contra dun conxunto de medidas destinadas a protexer ás familias e ao tecido produtivo, mentres o Partido Popular optou pola ambigüidade, mantendo unha posición de bloqueo que non contribúe a dar resposta á situación.
Movemento Sumar Galicia destaca o papel decisivo de Sumar no Goberno para garantir que o chamado escudo social fose realmente útil. Fronte a unha proposta inicial insuficiente, defende que as ministras de Sumar fixeron valer unha posición clara: non hai escudo social sen protección ás persoas traballadoras, sen apoio ao tecido produtivo e sen avanzar cara a unha economía descarbonizada. Esa firmeza permitiu incorporar medidas que evitan que a crise sexa aproveitada por intereses empresariais ou que recaia sobre quen máis o precisa. Non é a nosa proposta pero é mellor grazas ao traballo de Sumar.
Entre os avances conseguidos inclúense o control das marxes empresariais para impedir abusos, a prohibición do despedimento nas empresas que reciben axudas públicas, a posta en marcha de plans de mobilidade xusta que garantan que a clase traballadora non pague as consecuencias da guerra, a garantía dos subministracións básicas, o apoio á industria electrointensiva e a ampliación do bono eléctrico social e do bono térmico.
Ademais, Movemento Sumar Galicia subliña a importancia da prórroga dos alugueiros recollida nun real decreto lei específico que será sometido a votación a finais de abril e que xa se atopa en vigor. A organización chama á cidadanía a facer uso deste dereito, difundilo entre o seu entorno e mobilizarse para asegurar a súa continuidade.
Movemento Sumar Galicia reafirma que está no Goberno para protexer ás maiorías sociais fronte a unha guerra ilegal e inxusta, defendendo que non existe maior garantía de seguridade que o reforzo dos dereitos. Non á guerra.