Movemento Sumar Galicia esixe á Xunta incrementar ata un 40% os programas de apoio á economía social nos vindeiros catro anos

Reivindicamos a necesidade de que a economía social non siga a ser unha política de nicho: ”o seu impacto é demasiado valioso”.

A secretaria de Estado de Economía Social, Amparo Merino e a portavoz parlamentaria do Grupo Plurinacional Sumar, Verónica Barbero xunto co Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López e o deputado de Sumar por Coruña, Manuel Lago, reuníronse esta mañá con diversos sectores da economía social galega en Santiago de Compostela, no marco da Asemblea de ForoEsGal celebrada na Cidade da Cultura. 

O encontro contou tamén con unha a visita a Espazocoop, Numax e ao centro especial de emprego Trameve e finalmente mantiveron unha reunión co ForoEsGal co obxectivo recoller as demandas do sector da economía social galega.

”A economía social é un modelo de actividade económica que demostrou ter un mellor impacto social” explicou Verónica Barbero, “mellora a capacidade das empresas para resistir as crises, mellora as condicións de vida das súas traballadoras e dos seus traballadores poñendo as persoas no centro da actividade económica, e ofrece espazos empresariais, como os centros especiais de emprego, nos cales as persoas con especiais dificultades de inserción laboral teñen a oportunidade de desenvolver unha carreira profesional mellor”. Barbero recalcou que ”serven, como no caso das empresas de inserción, para favorecer o tránsito cara ao mercado laboral para persoas que veñen de situacións moi difíciles.” 

Ademáis, en ámbitos como o cultural, as iniciativas cooperativas tamén protexen da precariedade e da estacionalidade ás súas integrantes, ofrecéndolles carreiras a longo prazo e, sobre todo, a participación nas decisións da empresa.

Deste xeito, dende Movemento Sumar Galicia reivindicamos a necesidade de que a economía social non pode seguir sendo unha política de nicho: ”o seu impacto é demasiado valioso, e é necesario transversalizar o noso apoio e levar a aposta pola economía social a todos os programas de apoio á actividade económica” salientou Verónica Barbero, portavoz do Grupo Parlamentario Plurinacional Sumar.

Pola súa parte, o Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, remarcou que “os modelos de economía social —as cooperativas, as sociedades laborais— deben ser a nosa principal referencia como modelo de emprendemento” e que tamén deben ser tamén a opción que empreguemos para dar o ”relevo xeracional” a moitos comercios e industrias que non o teñen garantido.

Debemos, polo tanto, levar a economía social, e os beneficios que esta comporta ao poñer as persoas no centro, ao conxunto das políticas que afecten ao económico, seguindo o modelo polo que xa apostan no Ministerio de Traballo e Economía Social que segundo Barbero “garante unha sociedade mellor, unha sociedade máis sustentable, unha sociedade máis igualitaria, con mellores posibilidades para todos e todas.”

Finalmente, a secretaria de estado, Amparo Merino, afirmou que “estamos convencidas de que en breve sairá adiante a lei de economía social, elaborada en colaboración co sector e que está en negociación cos grupos parlamentarios”

Movemento Sumar Galicia insta así ao Goberno autonómico da Xunta de Galicia á transversalización: garantir a formación sobre os modelos de economía social en todos os programas de apoio ao emprendemento que se leven a cabo, a prevalencia deste tipo de empresas en toda axuda pública ás empresas e o incremento orzamentario dos programas xa existentes de apoio á economía social nun 40% nos vindeiros 4 anos.

Quero estar
informado/a