O 28 de xuño de 1969, co cansazo dos abusos policiais e da discriminación social do momento, naceu en Nova York a loita polos dereitos LGBTIQA+ no mundo. O primeiro orgullo foi unha revolta. Desde ese día e de forma imparable, o colectivo traballou arreo na defensa de vidas libres, sen exclusións en dereitos, polo respecto da diferenza.
Dende esa data temos avanzado moito, moitísimo. O Estado español é un referente en igualdade e lexislación en prol dos dereitos das persoas LGTBIQ+, pero non podemos obviar que cada día son moitas as persoas que sofren agresións pola súa orientación sexual e identidade de xénero. Moitas delas acaban quitándose a vida, froito do acoso permanente e constante, inducido por grupos ultras e partidos políticos do noso arco parlamentario, coas súas políticas de odio, censura e negación.
Dende SUMAR Galicia cremos firmemente na igualdade e no dereito a ser de todes. É a nosa responsabilidade, como partido que goberna no Estado e como partido que aspira a gobernar Galicia para mellorar a vida das persoas, garantir a igualdade e os dereitos das persoas LGBTIQA+.
Dende SUMAR traballamos activamente para que non se permita o retroceso en dereitos das persoas LGBTIQA+ que a ultradereita tenta socavar cada día coas súas políticas retrógradas e en contra do pensamento aberto e igualitario que caracteriza a sociedade galega, agora tamén desde Europa. Unha Europa gris, cun Parlamento cada vez máis reaccionario e cuxa axenda contra os dereitos LGBTIQA+ e das mulleres é cada vez máis preocupante. Comprometémonos tamén, con Estrella Galán á cabeza e coas nosas aliadas en Europa, a non permitir ningún retroceso nesta materia.
Igualmente, dende o Goberno de España, coa vicepresidenta e ministra de Traballo Yolanda Díaz, lexislamos para seguir aumentando os dereitos e a protección das persoas LGBTIQA+, que cada día seguen sufrindo discriminación, entre outros, no ámbito laboral. Garantimos por lei que os espazos laborais sexan máis inclusivos, que a inspección de traballo poida perseguir a discriminación nas empresas por razón de orientación sexual e identidade de xénero, e garantir que desde o Estado se protexan os colectivos máis vulnerables ou que precisan un especial control para asegurar a súa inclusión no mundo laboral, como é o colectivo LGBTIQA+.
Os ataques constantes da ultradereita do noso país, representada no Partido Popular e VOX, contra as leis de que amparan as persoas LGBTIQA+, así como contra calquera expresión de igualdade que garanta a liberdade individual das persoas pra ser, sentir e vivir, manifestáronse na derogación de leis, na xudicialización dos símbolos, na censura e na represión. Os seus discursos, cada vez máis reaccionarios, precisan ternos en fronte e SUMAR non se vai poñer de perfil nunca.
Desde SUMAR garantimos que naqueles espazos nos que esteamos, a bandeira LGBTIQA+ seguirá a ondear, porque os símbolos son importantes e necesarios para que ninguén esqueza que o camiño percorrido foi difícil, duro e custou moitas vidas, moito sufrimento, moita loita. Símbolos que abren camiños, símbolos da liberdade, da igualdade, símbolos dos dereitos adquiridos.
Non podemos esquecer neste día ás entidades LGBTIQA+, sen cuxa mobilización e loita o noso país sería hoxe un lugar máis gris e triste. Seguimos precisando unha sociedade organizada e combativa.
E co obxectivo de frear esta onda radical e dar ferramentas aos millóns de nenes e a todes es moces en idade de estudar, promoveremos, a través das nosas parlamentarias no Congreso dos Deputados, unha iniciativa para esixir ao Ministerio de Educación que no curso escolar 2024-2025, o teléfono arco da vella (028), estea presente en cada institución formativa pública, como ferramenta imprescindible para que milleiros de estudantes LGBTIQA+ saiban onde acudir, de forma libre e segura, a pedir axuda se son vítimas de LGBTIQA+fobia.
Somos diversas. Loitamos xuntes. Querémonos libres.