Marta Lois pide o voto á Galicia progresista paraque Sumar Galicia sexa “o catalizador do cambio na Xunta que tanto precisan as galegas e galegos”

A candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta, Marta Lois, arrancou esta noite a campaña no municipio pontevedrés de Cangas. Lois pediu o voto para que a formación sexa “o catalizador do cambio na
Xunta de Galicia”.


Para a cita coas urnas o próximo 18 de febreiro a candidata apelou ó Galici progresista a que saíse da casa como o fixo nas anteriores eleccións xerais do 23 de xullo. “Nestes 15 días de campaña vou pedirvos o voto, vou pedirlle á Galicia progresista que vote, que vote porque somos máis”, dixo Lois.


“O PP sábeo”, continuou. “Por iso intenta facer ver que estas eleccións son un mero trámite administrativo, que pase o que pase o resultado vai ser o mesmo.”


“Eu dígovos que non”, resaltou a líder de Sumar Galicia. “Os números non lle dan, a entrada de Sumar Galicia no noso Parlamento vai ser o catalizador dese cambio, desas mudanzas que son tan e tan urxentes”.


“Que marabilla comezar hoxe aquí, en Cangas, aquí na miña Ría de Vigo. Nun dos motores industriais e económicos do noso país, nunha terra de xente brava que sabe loitar e defender os seus dereitos”, dixo Lois. Coa ría de fondo a candidata lembrou algunhas das protestas das últimas semanas na vila. “Aínda o fixéchedes este domingo rodeando o Centro de Saúde, reclamando o que é de xustiza, unha sanidade digna e
para todas e todos, porque se algo temos claro en Sumar Galicia é que cos nosos dereitos non se xoga, e que vamos entrar no Parlamento e na Xunta para defendelos.”


Neste arranque a candidata tamén quixo lembrar ó alcalde Pazos, “que sempre tanto nos arroupou, e que foi un referente para toda a comarca e para o espazo político”.


A formación preséntase a estas eleccións para ensanchar o espazo progresista galego. Lois insistiu na apertura da campaña que a formación é unha forza “laboralista, feminista, galeguista e ambientalista”.


“A diferencia de outras, aquí non lle vamos esixir o carné a ninguén, nin vamos pedirvos un pedigree político”, engadiu a líder de Sumar Galicia. “Todo o contrario. Somos unha forza moderna, aberta, transversal, que defende sempre os dereitos das de abaixo, das e dos traballadores, que vamos converter Galicia, nun Territorio das Mulleres. Non teñades dúbida”.


Sumar Galicia comeza esta campaña coa convicción de que as políticas levadas a cabo desde o Goberno de España avalan que o espazo é “sinónimo de confianza”.


“As políticas que leva desenvolvendo Yolanda Díaz, e o resto de ministras e ministros de todo este espazo político, son unha boa mostra”, destacou Lois. “Nós non só falamos de facer, senón que facemos as cousas. Aí están os resultados da reforma laboral, a subida so salario mínimo, os permisos de crianza, a lei de familias…”


“Estou a falar de feitos e non de palabras, por iso vos vamos pedir a vosa confianza”.


Se os galegos e galegas saen a votar este 18 de febreiro, desde Sumar Galicia levará esta confianza ás negociacións para que sexa posible un futuro goberno alternativa do PP. “Alguén pode dubidar que SUMAR GALICIA non será o motor dos pactos, igual que fomos no goberno do Estado?”, preguntou Lois.


“Se o PP perde a maioría, que a vai perder, dígovos que eu Marta Lois, comprométome persoalmente a traballar xa desde o día seguinte para que Galicia teña un goberno á altura do noso pobo”.