Marta Lois: “Vou poñer todo o meu esforzo, toda a miña ilusión, toda a miña entrega, todo o meu compromiso político para que haxa un cambio en Galicia“

A candidata de Sumar Galicia á Xunta, Marta Lois, despediuse esta mañá das compañeiras e compañeiros Grupo Parlamentario Plurinacional de Sumar nunha reunión no Congreso dos Deputados. Lois agradeceulles os “a dispoñibilidade, a vontade de chegar a acordos e de construír o funcionamento cotián deste grupo”, ademais de asegurarlles que a encontrarían en Galicia cando o 18 de febreiro Sumar chegue ó goberno da Xunta.

A estes tamén lles quixo achegar as razóns polas que decidiu retornar a Galicia. “Volvo porque non só queremos entrar no Parlamento Galego, temos unha ambición maior”, comezou. “Queremos entrar no Goberno galego”.

“Vou poñer todo o meu esforzo, toda a miña ilusión, toda a miña entrega, todo o meu compromiso político para que haxa un cambio en Galicia”.

Lois resaltou que busca levar a súa experiencia de xestión na administración local de Santiago de Compostela ó goberno galego. “Fixemos unha campaña o 25 N contra as violencias en negro, que se estendeu por toda Galicia e que foi finalmente unha campaña galega e nacional”, lembrou. “Fixemos un proxecto político para construír a Compostela territorio das mulleres e agora imos construír Galicia territorio das mulleres.”

Medidas como a subida do salario mínimo interprofesional, a aposta pola redución da xornada laboral, ou o impulso por unha renda universal por crianza e a redución das listas de espera na sanidade pública, son exemplo das políticas “útiles, transformadoras e valentes que queremos levar a cabo”, resaltou a candidata de Sumar Galicia.

“Cada día que pasa o Partido Popular está máis nervioso”, dixo Lois sobre as enquisas publicadas nos últimos días. “Necesitamos sumar. Sumar a tanta xente que aínda non decidiu claramente se vai votar ou non vai votar. Porque as opcións para un goberno progresista non chegan soas, chegan con esforzo, arremangándose, coa política de altura, coa política útil, coa política que lle importa á xente”.

“Creo e estou convencida que as galegas e os galegos van responder, que Galicia vai responder”, sinalou. “Creo que as mulleres van ser a clave nestas eleccións, como o foron nas xerais e como o foron en moitas das eleccións en Europa e por iso, para a miña ten sentido volver a casa, volver a Compostela e deixar o Congreso, porque non nos conformamos. Porque imos a por todas e porque imos a máis.”

Lembrando o seu paso polo Congreso, Lois quixo destacar algún dos fitos dos últimos meses como a investidura do goberno progresista, con cinco ministros de Sumar, ou a aprobación para o uso do galego, euskera e catalán no Congreso.

“Voume co orgullo de levar o idioma de Rosalía de Castro e Castelao ao Parlamento, co orgullo de dicirlle ó señor Feijóo non, cando escenificou esa investidura farsa. Esa investidura farsa como a farsa xunto ó señor Rueda das mentiras e a manipulación ante a crise dos pellets. A farsa ante as políticas en branco e negro do Partido Popular Ao PP de Feijóo dixémoslle que non no Parlamento e ímoslle dicir que non o próximo 18 de febreiro en Galicia.”

“Sumar é unha forza política, unha esperanza intacta, unha determinación política para ir máis lonxe, para ir moito máis alá”, sinalou Lois. Por todo iso, destacou, Sumar Galicia é unha forza decisiva para un cambio histórico na Xunta de Galicia.

“Lévome afecto, lévome aprendizaxes, lévome experiencias, lévome amizades e agarimos. Creo que a política tamén vai diso”, concluíu a candidata. “Vai da proximidade da política das cousas pequenas, pero tamén vai dos afectos. Tócame construír Sumar Galicia de forma solidaria de forma mancomunada, con todas vós.”

Quero estar
informado/a