Instamos a que se vertebre o territorio para garantir o seu desenvolvemento futuro, non só comunicando con Santiago, se non tamén cohesionando e dando dinamismo a toda a provincia de Lugo.

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible anuncia a adxudicación dun estudo para valorar a viabilidade de facer unha conexión directa por tren entre a capital de Galicia e a cidade de Lugo. Isto, despois de todos os anos de illamento e moitas bágoas que condenaron á provincia de Lugo privándoa de desenvolverse económica e socialmente.
Sen lugar a dúbida, é unha boa noticia para a provincia e que todas e todos debemos apoiar. Esta medida, aparentemente amparada polos partidos con representación no Parlamento galego, foi tamén unha das principais propostas que Movemento Sumar tiña no seu proxecto de País nas derradeiras eleccións, e segue a ser unha das nosas principais apostas de futuro para a provincia de Lugo.
Movemento Sumar Galicia en Lugo solicita, aínda así, que esta iniciativa se complete cun estudo semellante para conectar A Mariña e o sur da provincia de Lugo co século XXI. “Consideramos que unha rede ferroviaria electrificada sería clave para fomentar a riqueza e o benestar da provincia axudando ao desenvolvemento do sector primario” destacou José Antonio Rodríguez Añón, representante da provincia de Lugo na Coordinadora Nacional.
Isto favorecería, entre outras cousas, ao sector pesqueiro do norte da provincia e ata a gandeira e a agricultura do sur da mesma.
“Asemade, a posibilidade dunha alternativa de mobilidade sostible como é o tren serían claves para afrontar con éxito o proceso de transición ecolóxica tan necesario para sectores como o forestal ou o industrial, e que nestes intres teñen condicionantes que poñen en perigo a súa continuidade e competitividade.” rematou Añón.
Movemento Sumar e dende a comarca de Lugo, solicitamos ao Goberno de España, e aos partidos con representación no Parlamento de Galicia que promovan urxentemente un Plan de Mobilidade Sostible para toda a provincia de Lugo e que non teñamos que esperar outros 30 anos para facer un estudo de viabilidade para comunicar o resto da provincia co futuro.
Sen xente e sen recursos non hai viabilidade, e Lugo non pode seguir desangrándose e perdendo poboación e recursos por estar illada do resto do País.