“Se o PP quere competencias, debe demostrar que tamén quere dereitos”, indica Paulo Carlos López.

O Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, manifestou hoxe o respaldo condicional da súa organización á iniciativa da Xunta de Galicia para reclamar ao Goberno do Estado as competencias e o traspaso das funcións executivas para “mellorar” a xestión de permisos de traballo a persoas estranxeiras. O obxectivo sería “incorporar a forza laboral estranxeira” a Galicia dunha forma máis efectiva. López indica que isto xa o reclamara Junts por Catalunya, “e creo recordar que o PP se opuxera”, pero celebra “o seu cambio de postura”.
“Cremos no autogoberno e no Estado plurinacional, e Galicia ten dereito a participar activamente na ordenación das políticas migratorias laborais. A proposta da Xunta é lexítima e pode ser útil, pero non pode ser incoherente co rexeitamento sistemático do PP a recoñecer os dereitos das persoas migrantes xa residentes no Estado”, advertiu Paulo Carlos López. Dende Movemento Sumar Galicia considérase que calquera avance no autogoberno en materia migratoria debe ir acompañado dun compromiso político claro co recoñecemento dos dereitos das persoas migrantes, e por iso condicionan o apoio á Xunta a que o Partido Popular vote a favor no Congreso da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a regularización extraordinaria de máis de 500.000 persoas migrantes, “para recoñecerlle de facto todos os seus dereitos, tamén o dereito ao traballo”. E tamén, engade, a proposición de lei impulsada por Sumar para concederlle a nacionalidade española ás persoas saharauis.
“Se o PP quere competencias, debe demostrar que tamén quere dereitos. Non se pode pedir máis capacidade para xestionar mentres se nega a realidade social e humana das persoas que xa viven, traballan e coidan en Galicia”, indicou López.