Movemento Sumar Galicia celebra a posible chegada de MG a Ferrol e critica o “cinismo” de Rueda

A formación considera que o interese industrial en Ferrolterra confirma o potencial produtivo da comarca e acusa a Rueda de practicar unha política de dobre vara con China

Movemento Sumar Galicia valora de maneira moi positiva as informacións que sitúan a Ferrol como principal candidata para albergar unha planta europea da marca automobilística MG. A formación considera que esta posibilidade suporía unha oportunidade histórica para a reindustrialización da comarca e un recoñecemento á capacidade da clase obreira ferrolá, que durante décadas sostivo sectores industriais estratéxicos pese ao abandono institucional.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, sinala que “o interese internacional por Ferrolterra desmonta o relato resignado sobre o futuro industrial da comarca. Ferrol continúa sendo un territorio con capacidade produtiva, coñecemento técnico e unha clase traballadora preparada e valorada”.

Paulo Carlos López considera tamén significativo que o porto exterior comece por fin a atopar unha utilidade concreta ligada á captación de grandes proxectos industriais. “É unha boa noticia que unha infraestrutura destas dimensións empece a ter sentido económico real despois de tantos anos practicamente infrautilizada. O problema é que se construíu sen unha planificación industrial seria detrás e sen un proxecto claro de usos, converténdose durante demasiado tempo nun símbolo da improvisación e do gasto faraónico”, afirma.

Movemento Sumar Galicia critica ademais o “evidente cinismo” do Partido Popular e de Alfonso Rueda en relación con China. Mentres o PP leva meses cuestionando os movementos do Goberno do Estado para mellorar as relacións comerciais e industriais co país asiático, o presidente da Xunta desprazouse persoalmente a China para ofrecer Galicia como destino prioritario para investimentos chineses no sector da automoción.

“Non pode valer atacar as relacións con China cando as impulsa o Goberno do Estado e ao mesmo tempo presentar Galicia en China como destino industrial prioritario. Galicia necesita coherencia, seriedade e unha política industrial pensada para crear emprego e futuro”, sostén Paulo Carlos López.

Movemento Sumar Galicia defende que calquera proxecto industrial que chegue a Ferrolterra debe garantir emprego estable, condicións laborais dignas e retorno económico e social para a comarca, apostando por unha reindustrialización vinculada ao territorio e ao fortalecemento do tecido produtivo galego.