A organización láiase de que a Xunta de Alfonso Rueda sexa “incapaz de impulsar a economía de Galicia e facela crecer para deixarmos de ser un país cativo e sen oportunidades”
O deputado por Coruña, Manuel Lago, denuncia a “deslealdade” do PPdeG co futuro do país.
O Movemento Sumar Galicia celebra “as magníficas cifras de emprego no estado como a mellor noticia para empezar o ano”, e indica que “isto non sería posible sen as decisivas medidas impulsadas polo goberno progresista, especialmente as da Vicepresidenta e Ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Pero laíamonos de que en vez de axudar, o PPdeG estea á contra, deixando así a Galicia como unha das comunidades que peor posición teñen neste ranking”.
Movemento Sumar Galicia indica que Galicia é das CCAA onde menos medra o emprego interanualmente, malia reducirse moito o paro, e na boca do seu deputado por Coruña no Congreso dos Deputados, Manuel Lago, identifica “as políticas empobrecedoras do PPdeG como o maior impedimento para que academos todo o potencial do noso País. A deslealdade de Rueda e a Xunta coa xente de Galicia lévaos a crear unha comunidade pequena, sen oportunidades, onde as xeracións máis novas teñen poucas oportunidades. Témolo claro, celebramos os datos do estado, históricos, gracias a Yolanda Díaz, pero non podemos mais que criticar os datos do noso País, moito peores pola responsabilidade de Rueda”.
Dende o partido esíxese “unha maior visión e audacia” para facer crecer a economía de Galicia de maneira sostible e respectuosa do medio e o patrimonio, xerando así novas oportunidades para o crecemento do emprego. “O PPdeG enche a boca con proxectos insostibles como ALTRI, mentres lamina as oportunidades de crecemento da industria existente e o futuro das PEMES galegas. O seu desexo de opoñerse ás nosas políticas lévaos a destruir o futuro económico do País só para culpar á esquerda da súa incompetencia e da súa cortedade de miras”, denuncia o deputado, economista de profesión. “Prefiren perder investigadores e proxectos como os María Zambrano, por exemplo, con tal de non asumir o seu error. Son o maior impedimento para o avance de Galicia”.
Confían, en todo caso, en que as políticas do goberno estatal seguirán facendo crecer o emprego “incluso en Galicia e coa oposición do PPdeG”. Cren que as proxeccións de crecemento económico impulsarán a contratación e que as novas medidas, como a reducción de xornada, aumentarán a calidade do emprego. 2025 será, indican, un gran ano para Galicia, “queira ou non queiran Feijoo e Alfonso Rueda”.