Movemento Sumar Galicia valora con orgullo a aprobación no Consello de Ministros do regulamento que permitirá poñer en marcha unha regularización extraordinaria para centos de miles de veciños e veciñas en todo o Estado.

A medida supón un avance decisivo para garantir que milleiros de persoas poidan vivir sen medo a seren detidas ou deportadas no seu día a día, xa sexa ao ir traballar, estudar ou coidar das súas familias. Regularizar significa recoñecer dereitos, e iso tradúcese en máis dignidade, máis igualdade e máis xustiza social.
Tamén implica un impacto directo no ámbito laboral. A regularización permite combater situacións de explotación que se sustentan na vulnerabilidade e no medo, facilitando que as persoas accedan a condicións de traballo dignas e con garantías.
Movemento Sumar Galicia pon en valor o papel fundamental das persoas migrantes, das organizacións sociais e das redes cidadás que fixeron posible este avance, especialmente a través da iniciativa Regularización Xa, apoiada por máis de 700.000 sinaturas. Sen esa mobilización sostida no tempo, este paso non tería sido posible.
Do mesmo xeito, destaca o traballo desenvolvido por Sumar no Congreso e no Goberno para ampliar dereitos e eliminar obstáculos inxustificados. Grazas a ese impulso, o regulamento incorpora melloras relevantes como a ampliación do alcance da regularización a cónxuxes e parellas de feito, permitindo que máis persoas queden incluídas, e a flexibilización dos requisitos administrativos para evitar que cuestións formais deixen fóra a quen ten dereito a acceder.
Entre estas melloras inclúese a posibilidade de acceder á regularización para persoas que teñan solicitado protección internacional, independentemente do estado do seu expediente, a aceptación de documentación caducada, o uso de calquera medio de proba válido en dereito para acreditar a permanencia en España e a consideración dunha oferta de emprego como proba da vontade de traballar. Menos burocracia e máis acceso real aos dereitos.
Movemento Sumar Galicia sinala tamén que quedaron fóra algunhas propostas defendidas por Sumar, como a inclusión das persoas apátridas, un dos colectivos máis vulnerables, ou a eliminación de cargas administrativas redundantes como a obriga de volver presentar antecedentes penais xa achegados en expedientes recentes.
Fronte aos discursos que promoven a exclusión e o odio, esta regularización marca un camiño claro baseado nos dereitos, na convivencia e na xustiza. Movemento Sumar Galicia reafirma o seu compromiso cun país no que todas as persoas que forman parte del poidan vivir con dignidade, seguridade e igualdade de oportunidades.