O Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, vén de enviar unha carta a todas as forzas políticas progresistas de Galicia “para abandonar de forma coordinada X e dar un exemplo en Europa de cordón sanitario tamén na rede”, seguindo así a saída de dita plataforma de Sumar a nivel estatal. Para López, “a única forma de que sexa efectivo e que provoque un efecto de bóla de neve tamén no Estado, é facelo de forma conxunta e anuncialo”. Tamén suxire ao Partido Popular de Galicia que de o paso, pero, indica, “non espera nada porque se atopan cómodos nese marco”.

Na misiva, dirixida ao BNG, ao PSdeG, a Esquerda Unida, a EQUO-Galicia e a Podemos Galicia, o secretario xeral do Movemento indica que “a plataforma X é definitivamente un altofalante da extrema dereita mundial e do goberno Trump, no que as forzas políticas “progresistas” están silenciadas e amarradas”. Segundo López, non podemos ser escravos e escravas dunha persoa “que ten unha actitude marcadamente fascista cada vez máis evidente” en referencia a Elon Musk, e indica que en X “non se vai convencer a ninguén”, e apela ás organizacións progresistas a buscar “alternativas conxuntas onde poder amosar os nosos acordos e discrepancias, pero sempre dentro dun marco democrático”, algo que para el, “esta plataforma non o é”.
Para o Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia é comprensible que moitas organizacións dubiden dado que, “algunhas teñen comunidades moi grandes”, pero tamén indica que “pode facerse de forma progresiva, favorecendo a migración a outras plataformas e enviando mensaxes individualizadas ás bases militantes e simpatizantes” para que “ninguén quede no camiño”. López indica que o algoritmo de X promove o racismo, o machismo e ideas contrarias aos máis elementais dereitos humanos, “polo que non é un campo de xogo válido para a expresión de ideas en pé de igualdade”.
Accede á carta completa