Movemento Sumar Galicia critica que a Xunta deixe fóra a 83 ANPAS do Programa Corresponsables e acusa ao Goberno galego de dar as costas á conciliación das familias

Movemento Sumar Galicia expresou a súa preocupación pola exclusión de 83 ANPAS galegas das axudas do Programa Corresponsables, unha decisión que considera un novo exemplo da falta de compromiso real da Xunta de Galicia coa conciliación da vida laboral e familiar.

A formación lembra que as asociacións de nais e pais desempeñan un papel fundamental no funcionamento diario dos centros educativos, impulsando servizos e actividades que permiten a miles de familias compatibilizar as súas responsabilidades laborais e familiares. Programas madruga, comedores escolares, actividades extraescolares ou campamentos dependen en boa medida do traballo e da capacidade organizativa destas entidades.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, criticou que “a Xunta volva cargar sobre as costas das familias e do voluntariado unha responsabilidade que lle corresponde ás administracións públicas”. Segundo sinalou, “non se pode falar de apoio ás familias mentres se deixa sen recursos a quen sostén boa parte das políticas de conciliación nos centros educativos galegos”.

Movemento Sumar Galicia considera especialmente preocupante que esta exclusión se produza nun contexto no que a conciliación continúa sendo unha das principais dificultades para milleiros de fogares, especialmente nos concellos pequenos e nas zonas rurais, onde as actividades promovidas polas ANPAS constitúen en moitos casos a única alternativa existente.

“Detrás de cada ANPA hai persoas que dedican tempo e esforzo de maneira altruísta para garantir servizos fundamentais. O mínimo que se pode esixir á Xunta é que estea á altura e apoie economicamente ese traballo en lugar de poñerlle máis obstáculos”, afirmou Paulo Carlos López.

A organización advirte de que a falta de financiamento pode traducirse nun aumento dos custos para as familias ou mesmo na desaparición de actividades esenciais para a conciliación, agravando as desigualdades entre territorios e limitando as oportunidades de moitos nenos e nenas.

Por todo iso, Movemento Sumar Galicia reclama á Xunta de Galicia que reconsidere os criterios empregados nesta convocatoria, amplíe a dotación económica do Programa Corresponsables e garanta que ningunha ANPA quede excluída dunhas axudas creadas precisamente para favorecer a conciliación e avanzar cara a unha sociedade máis corresponsable.

“Cada euro investido nas ANPAS retorna en benestar, igualdade e oportunidades para as familias galegas. O que estamos vendo é unha Xunta que fai grandes anuncios sobre conciliación mentres recorta na práctica os recursos que a fan posible”, concluíu o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia.