Ante os feitos ocorridos nos últimos días na cidade, en que grupos ultras están a impulsar “patrullas cidadás” coa excusa de facer fronte á “inseguridade”, Movemento Sumar Galicia denuncia un esforzo consciente da administración local para alimentar esta situación, co abandono das súas responsabilidades tanto na seguridade cidadá como no absoluto abandono e desleixo dos servizos sociais na cidade de Ourense.

En opinión da organización laborista, lonxe de ser unha simple incompetencia, pasou a transformarse nunha estratexia consciente de desmantelamento, acompañada dun clima propicio cara á aparición de grupos ultras que ocupan o espazos deixados polas institucións.
Consideran que a aparición destas “patrullas cidadás” na Ponte, O Pino ou O Vinteún, para facer fronte á inseguridade que segundo eles representan persoas sen fogar e otros colectivos vulneráveis, é dunha gravidade extrema e conta coa complicidade e colaboración necesaria do alcalde da cidade, “sen a cal estes escuadristas de ultradereita non poderían provocar medo e terror nas rúas da cidade”.
Estas dinámicas déronse coa infiltración por colectivos de extrema dereita —con presenza de elementos ultras vindos desde Madrid— que non só difunden discursos de odio, senón que pretenden substituír á acción pública con control social violento baseado na intimidación, na aporofobia, e na discriminación de colectivos vulnerables.
O abandono dos servizos sociais municipais, con recortes de programas contra a drogodependencia, o sen-fogarismo e a atención á saúde mental, é un factor detonante desta situación: a ausencia dunha coidada intervención pública favorece a propagación do discurso dos ultras.
En barrios desatendidos, por mor da retirada do servizo público, aparecen esas patrullas non oficiais que, sendo de todo xeito faltas de toda cobertura legal, acometen labores de “seguridade” que non son da súa competencia e que atentan contra o normal desenvolvemento da vida nos barrios.
Movemento Sumar Galicia esixe ao Concello de Ourense que recupere inmediatamente a capacidade operativa e orzamental dos servizos sociais, reactivando programas comunitarios en colaboración con redes veciñais solidarias.
Así mesmo, a organización insta á Xunta de Galicia a garantir directamente as súas competencias en inspección e financiamiento dos servicios sociais.
Consideran vital conformar un pacto institucional e social que poña no centro a dignidade das persoas, reforzando o estado do benestar fronte á lóxica do medo.
“A sociedade civil debe expresarse e mobilizarse en defensa dos dereitos colectivos e en rexeitamento das prácticas ultras que ameazan a convivencia”, sostén Rocío Núñez Rúa, secretaria de Dereitos Humanos de Movemento Sumar Galicia.
“Non imos consentir que Ourense sexa o laboratorio dun experimento político: a combinación de precarización social institucional e a aparición de patrullas ultras é unha ameaza para a seguridade, a dignidade e a cohesión da nosa comunidade. Reafirmamos o noso compromiso ca defensa dos dereitos sociais e duns servizos publicos de calidade e chamamos á solidariedade e a acción colectiva fronte a estas dinámicas de rexeitamento, violencia e intimidación”.