Movemento Sumar Galicia denuncia a “falta de sensibilidade” do concello de Marín coas obras da rúa Ourense

Movemento Sumar Galicia, en Pontevedra, ven de denunciar públicamente as molestias que están a sufrir as veciñas e veciños da avenida de Ourense (concello de Marín) como consecuencia das obras nocturnas levadas a cabo polo propio consistorio.

Segundo a organización laborista, dende o pasado domingo, 22 de xuño, ás 22:00 horas, as persoas residentes na zona están a padecer importantes incomodidades debido aos traballos de rehabilitación da calzada realizados durante a noite. Consideran que en eventos anteriores, como nas Festas do Carme, o Concello tería demostrado que é posible aplicar unha derivación do tráfico que permite o corte deste tramo da avenida, posibilitando así a execución das obras en horario diúrno e reducindo significativamente o impacto acústico sobre a veciñanza.

Denuncian que a pesar das queixas presentadas polos veciños e veciñas ante a Policía Local polos excesivos niveis de ruído, os traballos continúan realizándose entre as 22:00 e as 7:00 horas, incluíndo actuacións altamente molestas como o picado do firme, a retirada de entullos ou o asfaltado. Esta situación estaría a impedir o descanso das persoas que habitan nos edificios próximos con familias con crianzas, persoas maiores e persoas traballadoras ás que se lles fai imposible o descanso.

“Esto está a demostrar unha absoluta falta de sensibilidade e coidado por parte do concello, que atenta contra o máis elemental dereito ao descanso”, sosteñen.

O partido ven de esixir ao concello a modificación inmediata do horario destas obras de humanización, trasladándoas á franxa diúrna coa finalidade de garantir un descanso digno e sen interrupcións ás persoas afectadas.