Na xornada de hoxe levouse a cabo un tenso pleno da cidade de Vigo no que, facendo valer a maioría absoluta do PSOE, foi aprobada a proposta de construción da nova autovía A52.

Este proxecto, sobre o que Movemento Sumar Galicia xa se ten posicionado anteriormente, estase a facer “con maneiras ditatoriais, sen escoitar á veciñanza de Bembrive, que ten propostas moi positivas e dende logo máis modernas que unha macroautovía máis propia do século 19”, aseverou Gloria Alonso, Secretaria de Organización de Movemento Sumar.
Representantes do partido, encabezados pola portavoz no Congreso, Verónica Barbero, reuníronse en febreiro coa plataforma de afectados Bembrive en pé, para recoller as súas propostas e trasladalas ao Congreso.
“Teñen ideas e propostas que merecen ser escoitadas antes de tomar a decisión de maneira caprichosa”, incidiu Alonso. “Son as mesmas formas que tanto se critican de Trump, sen analizar as consecuencias e desprezando as alternativas. Caballero demostra que é un ditador e un trumpista”.
Movemento Sumar Galicia defende que este proxecto “non parece buscar o ben común”. Consideramos que hai alternativas máis beneficiosas e respectuosas co medio, co entorno e coa vida das familias de Bembrive.
Sumar rexistrou unha iniciativa no Congreso na que instan ao Ministerio de Transportes a paralizar o proxecto de ampliación da A-52 e buscar alternativas, así como fomentar unha reducción do tráfico de veículos privados e iniciar os estudos para o tren de cercanías.
Nesa iniciativa denuncian a negativa a negociar coa veciñanza afectada, así como os perigos para os acuíferos, o medio e o modo de vida.