Movemento Sumar Galicia expresa a súa preocupación pola concesión dunha licenza urbanística para a rehabilitación dunha vivenda na illa de Toralla ao exfutbolista vigués Iago Falque Silva, cun investimento próximo aos 400.000 euros, nun enclave que continúa simbolizando a desigualdade no acceso ao espazo público e os privilexios urbanísticos consentidos polas administracións.

A secretaria de Organización de Movemento Sumar Galicia, Gloria Alonso, considera que “cando unha actuación destas características afecta a unha das zonas máis controvertidas do litoral vigués, a transparencia debe ser absoluta e as explicacións públicas inmediatas”. Alonso lembra que o feito de que o promotor sexa fillo dunha destacada responsable política municipal fai aínda máis necesario extremar as garantías de imparcialidade e afastar calquera sospeita de trato de favor.
Desde a formación tamén cuestionan a oportunidade da concesión desta licenza nun momento especialmente relevante para o desenvolvemento urbanístico da cidade, coa tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Resulta difícil comprender que se sigan autorizando actuacións deste tipo sen abrir previamente un debate público sobre o futuro dun espazo que leva décadas xerando controversia social”, sinalou Alonso.
Movemento Sumar Galicia insiste en que este caso transcende unha licenza concreta e volve poñer o foco sobre unha anomalía democrática que se mantén no corazón da ría de Vigo. “Toralla continúa funcionando na práctica como un espazo reservado para uns poucos, mentres a inmensa maioría da cidadanía ve limitado o acceso a unha parte do seu litoral. É unha situación incompatible cunha cidade que presume de apertura e de defensa do público”, afirmou.
A organización lembra que durante anos colectivos veciñais, ecoloxistas e cidadáns reclamaron a recuperación efectiva do acceso á illa e ao seu entorno costeiro, sen que as administracións adoptasen medidas decisivas. “O Concello leva anos anunciando solucións que nunca chegan. Mentres se suceden as promesas, o modelo de privilexios permanece intacto”, engadiu Alonso.
Movemento Sumar Galicia advirte tamén da necesidade de preservar os valores ambientais e paisaxísticos dun enclave especialmente sensible, reclamando unha supervisión rigorosa de calquera intervención urbanística que se desenvolva na zona.
Por todo isto, a formación esixe ao Concello de Vigo que faga públicos todos os informes e procedementos que sustentan esta autorización urbanística, que garanta a máxima transparencia en todas as actuacións relacionadas coa illa de Toralla e que adopte medidas efectivas para asegurar o acceso libre da cidadanía a este espazo e a protección do seu patrimonio natural e litoral.