Movemento Sumar Galicia denuncia que a privatización dos coidados pon en risco a vida das persoas máis vulnerables

A organización laborista reclama un cambio profundo do modelo galego de coidados tras a traxedia de Bóveda e esixe máis prazas públicas especializadas, reforzo da saúde mental e equipos multidisciplinares para garantir unha atención segura e de calidade.

Movemento Sumar Galicia expresa o seu profundo pesar polo falecemento dunha usuaria do centro asistencial de Bóveda e traslada todo o seu apoio e solidariedade á súa familia, ás persoas residentes e ás traballadoras e traballadores do centro.

Á espera de que a investigación xudicial esclareza as circunstancias do sucedido, a organización considera que esta traxedia debe abrir un debate ineludible sobre o modelo de coidados impulsado pola Xunta de Galicia. Para Movemento Sumar Galicia, Galicia leva anos debilitando os servizos públicos mentres aumenta a dependencia da xestión privada, sen crear unha rede pública suficientemente especializada para responder ás necesidades máis complexas.

“O primeiro é acompañar ás familias e respectar o traballo da Xustiza. Pero tamén temos a obriga de preguntarnos que sistema de coidados estamos construíndo. Non podemos seguir convertendo a atención ás persoas máis vulnerables nun espazo de negocio financiado con recursos públicos”, afirma Paulo Carlos López, secretario xeral da organización laborista.

A organización denuncia que Galicia continúa padecendo unha grave insuficiencia de prazas públicas especializadas para persoas con discapacidade, dependencia, trastornos graves de conduta, patoloxía dual ou problemas complexos de saúde mental. Esta falta de planificación provoca que, con demasiada frecuencia, persoas con necesidades moi diferentes compartan recursos que non sempre contan coa especialización, cos medios nin coa dotación profesional adecuados.

“Cando faltan recursos públicos especializados, as persoas acaban sendo atendidas onde hai unha vacante e non onde realmente precisan estar. Esa non é unha decisión baseada nas necesidades asistenciais, senón a consecuencia dun modelo que leva anos priorizando a privatización fronte ao fortalecemento da rede pública”, sostén Paulo Carlos López.

Movemento Sumar Galicia considera que a atención ás persoas con necesidades complexas require centros específicos, equipos multidisciplinares, profesionais con formación especializada, protocolos adaptados e ratios suficientes. A organización advirte de que a insuficiencia destes recursos incrementa a vulnerabilidade das persoas usuarias e dificulta que as profesionais poidan desenvolver o seu traballo nas condicións necesarias.

Ao mesmo tempo, denuncia que miles de traballadoras do sector continúan soportando sobrecarga asistencial, insuficiencia de persoal e precariedade laboral, como consecuencia dun modelo que prioriza a contención do gasto e a rendibilidade económica fronte ao investimento público.

“Cada euro destinado ao beneficio empresarial é un euro que deixa de investirse en máis profesionais, máis formación, mellores condicións laborais e maior calidade asistencial. Os coidados non poden rexerse pola lóxica do mercado porque estamos falando de dereitos fundamentais”, subliña o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia.

A organización reclama á Xunta un cambio profundo das políticas públicas de coidados mediante o reforzo da rede pública de xestión directa, a creación de máis prazas públicas especializadas, a ampliación dos recursos de saúde mental e patoloxía dual, a mellora das ratios de persoal e a garantía de equipos multidisciplinares estables en todos os recursos asistenciais.

“Os coidados non poden seguir sendo un negocio. Galicia necesita un verdadeiro Sistema Público Galego de Coidados que poña a dignidade das persoas por riba de calquera criterio económico. Porque cando o beneficio se sitúa por diante do interese público, quen acaba pagando as consecuencias son sempre as persoas máis vulnerables”, conclúe Paulo Carlos López.