O movemento reclama tamén un xiro radical na política lingüística da Xunta e chama á sociedade civil galega a manter a mobilización durante todo o ano, con especial protagonismo da mocidade

No Día das Letras Galegas, dedicada este ano á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño, Movemento Sumar Galicia ven de reclamar “feitos e non xestos simbólicos” para garantir o futuro da lingua durante a mobilización convocada en Santiago de Compostela. A formación considera que a mellor homenaxe á autora é actuar con decisión para frear a emerxencia lingüística que vive Galicia.
Denuncian que tras máis de quince anos de aplicación do Decreto 79/2010, o galego perdeu falantes habituais, presenza social e transmisión interxeracional. Reclaman a derogación inmediata do decreto do plurilingüismo e a aprobación dun novo marco legal que garanta o galego como lingua vehicular efectiva no ensino, incluída a etapa de 0 a 6 anos. Tamén esixen un plan de choque para a normalización na Administración e un compromiso orzamentario real coa cultura, a edición e o audiovisual en galego.
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, advertiu que «no Día das Letras non chega con poñer flores sobre Rosalía de Castro. Se a Xunta continúa arrinconando o galego nas aulas, na administración e nos medios, as homenaxes institucionais son pura hipocrisía».
A organización esixiu tamén ao Goberno central que intensifique todos os esforzos políticos e diplomáticos necesarios para culminar sen máis demoras a oficialidade do galego, do catalán e do eúscaro nas institucións da Unión Europea. Movemento Sumar Galicia subliña que non se trata dun recoñecemento simbólico, senón dun dereito que lle corresponde a unha comunidade lingüística de millóns de persoas e a un idioma con proxección internacional a través da lusofonía.
“A demora xa non é aceptable. O galego merece estar en Europa co mesmo rango e coa mesma dignidade que calquera outra lingua oficial”, afirmou Paulo Carlos López.Finalmente, Movemento Sumar Galicia apelou á sociedade civil galega para manter a mobilización máis aló do 17 de maio e subliñan o papel decisivo da mocidade. “Vivir en galego, crear en galego e facer do idioma unha lingua de uso cotián é o xeito de asegurar o seu futuro. Sen falantes novos, non hai lingua viva”, sostén o secretario xeral. “Queremos que poidan consumir, ensinar e namorar en galego, esa é a mellorar garantía de que o noso maior patrimonio cultural floreza por moito tempo”.