Segundo López, os dous mellores anuncios terían sido o de apoiar o Real Decreto Lei de alugueiros e o cese do Conselleiro de Sanidade

O Secretario Xeral de Movemento de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, vén de cualificar o discurso de Alfonso Rueda no Debate sobre Política Xeral como “feo, aburrido e insulso”, tachando a política do PPdeG de “autonomismo inútil e trapalleira”.
Neste sentido, López indica que un dos mellores anuncios en materia de vivenda tería sido o de indicar que falará con Feijóo e con Tellado para que apoien o Real Decreto-lei 8/2026, do 20 de marzo, de medidas no alugueiro en resposta ás consecuencias económicas e sociais da Guerra de Irán. “En Galicia benefícianse uns 50.000 contratos, aproximadamente 125.000 persoas, moita delas persoas novas, e iso si que sería política de vivenda de verdade, inmediata e efectiva”, para despois “intervir dunha vez o mercado e declarar a toda Galicia zona tensionada”. En lugar diso, Rueda segue a pensar que a política de vivenda pasa soamente pola construción e baixar impostos, “e iso si que é un dogma que non funciona”.
O Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia cre que Alfonso Rueda ocupou parte do seu tempo, “inutilmente”, en criticar ao goberno do Estado, “cando é o que máis está a facer por Galicia”, en crispar e en ocultar a incompetencia dos seus últimos anos. “O único no que lle damos a razón e nos bos datos de emprego en Galicia, a cousa é que foi grazas a Yolanda Díaz, non foi grazas a el”, suxire López.
De igual forma, a organización laborista cre que, ademais da vivenda, o Presidente da Xunta foi excesivamente autocompracente na sanidade con medidas “cosméticas” cunha atención primaria e unhas urxencias saturadas, cunha especialidades que xa tardan anos en dar cita, “estando no peor momento da nosa historia”. Por iso, segundo López, “o segundo grande anuncio que debería ter feito sería o do cese do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, pola súa manifesta incapacidade de xestión”.
“Sen persoal suficiente, sen estar ben tratado e sen estabilidade non hai sanidade pública que funcione. Se queremos unha atención áxil e profesionais dispoñibles cando se precisan, hai que coidar, estabilizar e pagar mellor ao persoal sanitario, non seguir con anuncios efectistas nin infraestruturas sen capacidade real de atención”, sinalou López.
Así mesmo, López cre que Rueda “non fai política sólida, senón política feble, de bonos e non de dereitos”, afirmando cousas surrealistas como que a non instalación de Altri foi unha manobra política “cando realmente foi unha vitoria cidadá”. Finalmente, López criticou que o Presidente da Xunta quere que Galicia sexa unha terra de minas e non unha referencia en transición ecolóxica.
Para Movemento Sumar Galicia, o discurso de Rueda evidencia a falta dun proxecto de país ambicioso facendo “un autonomismo inútil”, e considera que se baseou en “repetir anuncios e maquillar balances” en lugar de afrontar con valentía os grandes problemas estruturais que ten Galicia por diante. “Galicia merece mais, e por suposto tamén merece un Presidente que diga claramente Non á Guerra”.