Ante a aprobación do informe medioambiental de ALTRI, Movemento Sumar Galicia mostrou o seu rexeitamento frontal á instalación da “macrocelulosa contaminante” ALTRI na Ulloa.

O secretario xeral da organización, Paulo Carlos López, considera que “o Partido Popular vende Galicia a ALTRI cun informe de impacto ambiental totalmente a medida”. Na súa opinión, “trátase dun proxecto perxudicial para a saúde da poboación, perxudicial para o entorno singular no que se instalaría e non responde aos intereses de Galicia”.
Considera que “destruiría todo o tecido social e económico existente, como o turismo e o sector primario”. Afirma López que “as industrias de enclave non son o modelo que queremos para Galicia”.
Cree que aínda hai vías que permitirán paralizar o proxecto: “Abriremos tres vías: pola vía administrativa con alegacións; pola política con todo o peso do grupo Sumar no Congreso; e pola vía popular, queremos a celebración dun referendo nas localidades afectadas.”
Pola súa banda, a presidenta de Movemento Sumar Galicia, e portavoz de Sumar no Congreso dos Deputados, Verónica Barbero, abundou na vía que se abre para parar o que chama “barbarie medioambiental”. “Levaremos a cabo todas as accións necesarias”. Anunciou que desde o seu grupo no Congreso está xa a traballarse en diferentes iniciativas que permitan “salvar non só a Ulloa, tamén todo que está río abaixo, ata a ría de Arousa”.
En opinión de Barbero, “ao final, o único que sí queda claro é para quen traballan Rueda e o PP: para os especuladores e a industria contaminante. Volven a darlle a espalda a Galicia e á xente que confiou neles”. “Non imos permitir que se beneficie a unha multinacional estranxeira a cambio da ruína para medio país: eles levan os beneficios subvencionados, e Galicia queda coa contaminación e máis eucaliptos”.
Como alternativa, Barbero contrapuxo a proposta do Movemento Sumar. “Frente ao modelo PP que convirte o territorio nun negocio para uns poucos, nos defendemos un modelo que aposte pola sostenibilidade. Defendemos unha industrialización verde que xere emprego sostible.”
Finalmente, a eurodeputada de Sumar, Estrella Galán, anunciou tamén que se emprenderán medidas para presionar dende o Parlamento Europeo. “Os fondos comunitarios non poden utilizarse para financiar proxectos que atenten contra o medio ambiente. Farémoslle saber á Comisión Europea a realidade do que representa ALTRI”.