Movemento Sumar Galicia valora positivamente a reforma do sistema de financiamento autonómico presentada polo Ministerio de Facenda, que avanza na suficiencia de recursos e na equidade entre comunidades autónomas. O texto abre agora un proceso de debate multilateral e negociacións bilaterais con cada comunidade, co obxectivo de acadar o maior consenso antes da súa aprobación definitiva no Congreso dos Deputados.

O sistema contará con recursos adicionais para 2027, que permitirán mellorar servizos públicos fundamentais como sanidade, educación, dependencia ou vivenda. Incrementar o financiamento non supón “dar máis cartos aos gobernos autonómicos”, senón responder á demanda cidadá de servizos públicos de calidade.
A proposta tamén mellora a equidade, reducindo significativamente a diferenza entre a comunidade mellor e peor financiada. Con todo, Movemento Sumar Galicia considera necesario avanzar cara á nivelación completa, garantindo que ningunha comunidade quede por baixo da media de ingresos por habitante axustado. A aplicación desta medida sería asumible en termos financeiros e consolidaría un sistema máis xusto.
Mentres a Xunta e o PP rexeitan o plan, que mellora sensiblemente o que está en vigor e que nunca quixeron modificar, dende Movemento Sumar Galicia, sabendo que é mellorable, propoñemos as melloras que permitan un financiamento moderno, capaz de soster os servizos públicos que merece Galicia.
Entre estas propostas destacan tamén mecanismos para impedir o dumping fiscal practicado por comunidades con maiores recursos, especialmente no ámbito das grandes fortunas e herdanzas, así como a revisión dos criterios de ponderación da poboación axustada, clave para garantir recursos suficientes en territorios con poboación dispersa como Galicia.
Finalmente, Movemento Sumar Galicia lembra a necesidade de abordar tamén a reforma do financiamento local, garantindo a suficiencia financeira dos concellos e un marco de coordinación interadministrativa que preste atención especial aos municipios pequenos e medianos.
Estas propostas sitúan a Galicia nun camiño de financiamento máis xusto e equitativo, capaz de garantir servizos públicos de calidade e responder aos dereitos da cidadanía sen deixar a ninguén atrás.
Podes consultar o documento completo aquí