Denuncian que o oriente ourensán volve sufrir as consecuencias da falta de prevención ante fenómenos climáticos extremos

Movemento Sumar Galicia expresou a súa preocupación pola situación provocada polas fortes tormentas rexistradas na tarde e noite do mércores nas comarcas de Valdeorras e Viana, que deixaron importantes incidencias en concellos como Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, O Barco de Valdeorras e A Gudiña.
Durante varias horas, a comarca de Valdeorras permaneceu practicamente incomunicada do resto de Galicia debido ao corte da N-120 á altura de Arcos. Tamén se produciron desprendementos, caídas de árbores e cortes de tráfico na OU-533, unha vía fundamental para a conexión entre Valdeorras, Viana do Bolo e A Gudiña.
As chuvias torrenciais e a intensa actividade eléctrica provocaron ademais reiteradas interrupcións no subministro eléctrico e problemas de estabilidade na rede, incidencias que aínda continúan afectando a distintos puntos da comarca. A situación agravouse pola aparición de auga escura en varios sistemas de abastecemento debido ás escorrentías procedentes das zonas afectadas polos incendios do pasado verán, obrigando aos concellos a activar de novo medidas extraordinarias para garantir o acceso da poboación a auga potable en condicións de seguridade.
Movemento Sumar Galicia considera que estes episodios, cada vez máis frecuentes como consecuencia da emerxencia climática, volven poñer de manifesto a vulnerabilidade das comarcas do interior ourensán e a insuficiencia dos medios de prevención e resposta. A organización sinala que a falta de planificación, de persoal e de investimentos en infraestruturas e protección civil deixa á cidadanía nunha situación de desprotección fronte a fenómenos que xa non poden ser considerados excepcionais.
O co-coordinador de Movemento Sumar Galicia en Valdeorras, Java Torrente, reclamou unha resposta inmediata das administracións competentes: “Exiximos a actuación urxente da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense para paliar os efectos destas tormentas, avaliar con rigor os danos causados e impulsar as actuacións necesarias para recuperar a normalidade canto antes. Tamén é imprescindible garantir un subministro seguro e estable de auga potable e enerxía eléctrica para toda a veciñanza afectada”.
Movemento Sumar Galicia demanda igualmente que os fondos aprobados pola Unión Europea para apoiar os territorios afectados polos recentes fenómenos meteorolóxicos extremos cheguen con axilidade ás zonas damnificadas e se destinen de maneira efectiva á reparación dos danos, á recuperación das infraestruturas e á mellora da capacidade de resposta das comarcas afectadas ante futuras emerxencias.