As Xornadas Nacionais da organización poñen o foco na crise da vivenda, na protección das persoas inquilinas e na necesidade de frear a especulación

Movemento Sumar Galicia celebrou este sábado na Biblioteca Pública Municipal de Nigrán as súas Xornadas Nacionais baixo o lema “Polo dereito a unha vivenda digna no noso País!”, un espazo de reflexión e debate político e social centrado nun dos principais problemas que afronta hoxe a maioría social galega: o acceso á vivenda.
A apertura da xornada correu a cargo de Rosario Pérez Graña e Ramón Sarmiento, coordinadores comarcais da organización, e contou coa participación de Paulo Carlos López, secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, e de Verónica M. Barbero, presidenta de Movemento Sumar Galicia e portavoz de Sumar no Congreso.
Durante a súa intervención, Paulo Carlos López defendeu a recuperación da prórroga extraordinaria dos alugueiros para protexer ás persoas inquilinas fronte ás subas abusivas dos prezos e garantir estabilidade residencial a milleiros de familias.
“Non imos aceptar que vivir dignamente dependa da especulación ou da capacidade económica de cada quen. A prórroga dos alugueiros debe volver ao Congreso canto antes. O PP debe ser responsable e deixar de xogar coa vida da xente”, afirmou o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia.
López criticou que PP, Vox e Junts tombasen unha medida destinada a evitar novos incrementos abusivos dos alugueiros nun contexto de emerxencia habitacional e advertiu de que “a vivenda non pode seguir tratándose como un activo financeiro. Antes que nada, debe cumprir unha función social e garantir un dereito básico”.
Ao longo da xornada analizouse a situación da vivenda en Galicia e no conxunto do Estado, marcada pola subida continuada dos prezos, a dificultade de acceso á vivenda para a maioría social e os procesos especulativos que expulsan a milleiros de persoas dos seus barrios e concellos.
As xornadas incluíron tamén unha mesa de entidades centrada na actualidade e nas políticas de vivenda, coa participación de Ana Pardo Fernández, de Provivienda, e Duarte Fernández, de MOVE Baiona, moderada por Plácido Lizancos, profesor titular de arquitectura da Universidade da Coruña.
Movemento Sumar Galicia puxo en valor o traballo desenvolvido nos últimos meses arredor da súa Iniciativa Lexislativa Popular sobre vivenda, xa preparada, coa que a organización buscará impulsar medidas estruturais para garantir o acceso á vivenda en Galicia.
Durante a xornada defendeuse a necesidade de ampliar o parque público residencial, reforzar as políticas públicas de vivenda e limitar o poder dos grandes fondos de investimento e da especulación sobre un dereito básico. Para Movemento Sumar Galicia, garantir o acceso á vivenda é unha prioridade política e unha condición imprescindible para asegurar unha vida digna para o conxunto da cidadanía galega.