Movemento Sumar Galicia rexeita a prórroga do contrato do Concello de Vigo con Vitrasa a través da súa agrupación comarcal.

Amosamos o noso rexeitamento á prórroga do contrato do Concello con Vitrasa, concesionaria do transporte urbano en autobús na cidade. Diego J. Diarte, secretario comarcal de Vigo, sinalou Diego Diarte, secretario comarcal de Vigo: “Vigo precisa dunha rede de transporte público acorde co século XXI, eficiente e accesible, e iso non pasa por manter un modelo de xestión privada como o de Vitrasa”.
“Poderiamos entender que esta prórroga de dous anos viñese acompañada dun plan claro cara a unha transición a un sistema 100 % público, ademais dun investimento en novas formas de transporte na cidade, como o metro ou o tranvía, que amplíen e modernicen a mobilidade en Vigo” engadiu o secretario comarcal de Vigo.
“O modelo de cidade promovido polo alcalde de Vigo é obsoleto e non está á altura dos tempos actuais: fomenta un turismo masivo e insostible, sen abordar de forma seria os problemas de mobilidade en Vigo e na súa área metropolitana.” denuncian dende a comarca.
Desta forma, só se consegue saturar aínda máis a cidade con vehículos privados, mentres o transporte público segue estancado e mesmo desaparece nalgúns barrios da nosa cidade” concluíu Diarte.
Movemento Sumar Galicia reitera a necesidade urxente de apostar por un modelo público, sostible e ecolóxico, que poña ás persoas no centro e garanta o acceso a este servizo tanto no centro da cidade como nos barrios e parroquias do municipio.