Movemento Sumar Galicia participou xunto con todas as persoas que cren na igualdade e nos dereitos humanos, na mobilización deste domingo 29 de marzo ás 12:00 horas dende a Praza 8 de Marzo, en apoio ao colectivo trans e fronte ao avance dos discursos de odio.

A convocatoria enmárcase no Día da Visibilidade Trans, nun contexto marcado por un preocupante repunte das agresións e dos discursos de odio contra as persoas trans.
A formación advirte de que “as forzas reaccionarias perderon o medo” e están a impulsar unha ofensiva política e cultural contra os dereitos conquistados nos últimos anos. Unha situación que non é allea ao que está a acontecer noutros países europeos.
Movemento Sumar Galicia sinala con preocupación o caso de Portugal, onde as dereitas —co apoio da extrema dereita— están a promover recortes na lexislación trans, limitando dereitos básicos como a autodeterminación. “Non podemos permitir que ese retroceso chegue a Galicia nin ao conxunto do Estado”, subliñan.
Neste sentido, a organización lembra que alí onde gobernan PP e Vox xa se están a aplicar políticas que supoñen recortes nos dereitos das persoas LGTBIQA+, das mulleres e das persoas migrantes, alimentando un clima de odio e exclusión.
Fronte a isto, Movemento Sumar Galicia reafirma o seu compromiso cunha sociedade diversa, xusta e democrática, onde todas as persoas poidan vivir con dignidade e liberdade.
A organización quere tamén trasladar todo o seu apoio ao colectivo Arelas e ao conxunto do movemento LGTBIQA+, destacando o seu papel fundamental na defensa dos dereitos humanos e na loita contra os discursos de odio.
A Secretaria de Igualdade, Dereitos Humanos e LGTBIQA+ de Movemento Sumar Galicia, Rocío Núñez Rúa, sinalou que “non imos dar nin un paso atrás. Cada dereito conquistado foi grazas á loita colectiva, e imos defendelos na rúa, nas institucións e en cada espazo da sociedade.”
“A liberdade das persoas trans é unha cuestión de democracia. Este domingo temos que encher as rúas para dicir alto e claro que non imos permitir ningún retroceso”, engadiu.
Movemento Sumar Galicia insiste en que a mobilización social é clave para frear o avance do odio e construír unha sociedade baseada na igualdade, os coidados e os dereitos humanos.