Movemento Sumar Galicia sinala a Feijoo e esíxelle o cese inmediato de Baltar

A Portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Barbero, esixiu a Feijóo o “cese inmediato do delincuente condeado José Manuel Baltar”, que hoxe coñeceu a sentenza do Tribunal Supremo por conducir a máis de 200km/h na A52.

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, é tamén senador por designación autonómica, ven de ser condenado a un ano sen carnet, e a unha multa de 1800€, por conducir de maneira temeraria a 215km/h. “Obviamente cre que está por riba da lei, pero o de usted no sabe quién soy yo aquí non funciona”, aseverou Barbero. “Non teñen límite nin medida, Baltar pásase de velocidade, e Feijoo pásase de freada votando contra a subida das pensións”. 

A Portavoz e Presidenta de Movemento Sumar Galicia, considera que este cese non vai suceder, xa que, afirma, “Feijóo, como todos os da dereita, é duro cos débiles e blando cos poderosos, e é ben sabido que Baltar o ten de refén. Un vota sen pensar na xente, o outro corre sen pensar na xente, un perigo social en ambos casos”.

“Unha dereita moderna, europea, liberal, de orde, como din ser, actuaría con contundencia en busca da exemplaridade” insistiu Barbero. “Pero non o son, non o foron e non o serán nunca. Xa nin disimulan.”. 
Para rematar, dirixiuse directamente ao líder da oposición: “Señor Feijóo, está a tempo de volver á democracia e á responsabilidade: cese a Baltar, e vote a favor das pensións e do escudo social.”

Quero estar
informado/a