Movemento Sumar leva ao Congreso o proxecto da macroplanta de biogás da Laracha e reclama garantías para o rural

A formación reclama criterios estatais máis rigorosos para evitar impactos sobre a auga, a saúde e os territorios rurais

Movemento Sumar Galicia levou ao Congreso dos Deputados a preocupación social e ambiental xerada polo modelo de implantación de macroplantas de biogás e industriais en contornas rurais habitadas, tomando como referencia o proxecto previsto na parroquia de Soandres, no concello da Laracha. TEXTO

A iniciativa, rexistrada a través de preguntas parlamentarias dirixidas ao Goberno do Estado, pon o foco na ausencia de criterios estatais claros sobre localización, dimensión, avaliación acumulativa de impactos e mecanismos de retorno económico e social para os territorios afectados por este tipo de infraestruturas.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, advertiu de que “non se pode seguir empurrando ao rural instalacións de enorme impacto sen garantías suficientes para a protección da auga, da saúde pública e da propia habitabilidade do territorio”. Segundo sinalou, “o debate non é se hai que xestionar residuos orgánicos, senón como, onde e baixo que condicións se fai”.

A formación advirte de que o problema non é a existencia de instalacións de biogás nin a necesidade dunha mellor xestión dos residuos orgánicos, senón o desenvolvemento de proxectos de gran escala sen garantías suficientes para a protección da auga, da saúde pública e do equilibrio territorial.

No caso da Laracha, o proxecto prevé tratar máis de 63.000 toneladas anuais de residuos, incluídos subprodutos de matadoiro, nunha zona próxima a vivendas, mananciais e ao río Anllóns, nun entorno rural onde parte da veciñanza depende directamente de pozos e captacións naturais para o abastecemento de auga.

Movemento Sumar Galicia alerta ademais do risco de consolidar un modelo no que os territorios rurais asumen os custos ambientais e sociais mentres os beneficios económicos quedan desvinculados da contorna afectada.

Paulo Carlos López sinalou tamén que “non é aceptable que comunidades enteiras teñan que vivir coa incerteza sobre posibles afeccións á súa auga, ao seu entorno e á súa calidade de vida mentres os beneficios deste tipo de proxectos marchan fóra do territorio”.

A formación considera especialmente preocupante que este tipo de iniciativas estean avanzando sen unha planificación rigorosa nin estándares territoriais suficientes, e apunta á responsabilidade da Xunta de Galicia por permitir a tramitación de proxectos que están xerando unha crecente contestación veciñal e social.

Nas preguntas rexistradas no Congreso, Movemento Sumar solicita ao Goberno información sobre a posibilidade de impulsar criterios básicos estatais para a implantación destas infraestruturas, mecanismos específicos de avaliación ambiental acumulativa e medidas que garantan retorno económico e social para as comunidades afectadas.

Finalmente, Movemento Sumar Galicia reafirma o seu compromiso de seguir acompañando á veciñanza e defendendo un modelo de planificación ambiental e territorial baseado en garantías rigorosas, protección dos ecosistemas, defensa da saúde pública e respecto á vida no rural.