Movemento Sumar Vigo avalía como “absolutamente deficiente” o traballo do executivo local no ecuador do mandato

Alcanzado o ecuador do mandato municipal,  Movemento Sumar Galicia de Vigo, fai unha avaliación moi crítica do traballo realizado polo executivo local. 

A organización laborista lamenta a “parálise total” do crecemento demográfico da cidade, que leva máis de 20 anos nos 293.000 habitantes acadados no 2003, mentres os concellos veciños da área metropolitana, medran. “Un goberno que non actúa para solventar este problema non está capacitado para dirixir a maior cidade do país”, sostén o responsable comarcal, Diego Diarte.

Denuncian tamén que Vigo é o 15º municipio de Galicia en salario medio bruto por habitante, por detrás de Oleiros, A Coruña, Santiago ou Pontevedra, pero que ao mesmo tempo o prezo da vida, especialmente da vivenda, é dos máis elevados. Consideran que ambos feitos expulsan á cidadanía da cidade, e buscan residencia na área metropolitana, onde a vivenda é máis asequible.

A falta de vivenda de promoción pública, sosteñen, da que “non se puxo nin unha soa promoción en marcha en 14 anos”, xunto coa falta de regulación da vivenda turística, “que desistiron de regular e está alimentada por un modelo turístico masivo e de baratillo” , afondan nesta situación que definen como “moi grave, e unha hipoteca para o futuro da cidade”. Denuncian que o goberno municipal ignora esta situación: “se non queren gobernar, para qué se presentan? Para quentar a silla non fai falta tanto show”.

Sumar denuncia tamén o que consideran “un ataque frontal e unha degradación planeada dos servizos municipais” por parte do goberno socialista.

“A degradación dos servizos municipais é cada vez mais evidente”, sostén Diarte. “A piscina de Teis leva tres anos pechada, dende o incendio. O estado do Ximnasio do Carmen é lamentable e os usuarios levan xa dúas manifestación para exixir a súa remodelación”.

“Non temos unha política cultural digna dunha cidade como Vigo”, continúa. “Este é un goberno anticultura, como se demostra no total desmantelamiento dos espazos públicos, co claro exemplo do MARCO, e todas as iniciativas populares, que topan unha belixerancia absoluta da alcaldía”. Consideran que só conseguir salvarse do desmantelamento, “grazas á acción coordinada de estudantes e profesorado”, sinala, a EMAO.

“Por último, que o centro da industria editorial de Galicia sexa a cidade con menos bibliotecas públicas por habitante, deixa moi clara a prioridade deste goberno”.

Ademáis, sosteñen, calquera movemento de tipo popular ou asociativo, atópase coa hostilidade do goberno municipal, que “tivo o seu punto álxido no desaloxo da Federación Veciñal da súa sede. Hoxe non hai espazos municipais que promovan o debate e a participación da veciñanza para dar solución os problemas da cidade”.

Censuran tamén o que consideran “unha adicción” do alcalde aos proxectos “sempre megalómanos e sempre inconclusos”, froito dunha incapacidade de xestión que se tentaría disimular con “moito ruido e poucas noces”. Sosteñen que os proxectos que se anuncian “a bombo e platillo” morren nos despachos. Sinalan como exemplo os proxectos da Panificadora, da remodelación da Praza do Rei, a ETEA, os edificios dos antigos xulgados da rua Lalín, a remodelación da Praza de España ou da Avenida de Madrid, “que se venden como proxectos transformadores de calado cando son simplemente rampas de acceso ou asfaltados de rúas e beirarúas”.

Finalmente, consideran que o goberno municipal tería feito unha aposta decidida polo uso do coche privado como medio de transporte diario, sendo Vigo a cidade con máis coches por habitante do estado. Sosteñen que non hai un plan de mobilidade municipal o cal provoca que o goberno vaia xa polo segundo adiamento da concesión a Vitrasa. 

Sinalan o que consideran unha “aposta cochista” por viais que levan aos coches ao centro da cidade, mentres todas as cidades de mais de 50 mil habitantes estaríann poñendo en marcha Zonas de Baixas Emisións. Defenden un plan ambicioso de transporte público que una os polígonos industriais da contorna de Vigo, como os do Porriño, “onde traballan tantos vigueses e viguesas”, coa cidade. “Temos un nivel de tráfico nos accesos absolutamente insostenible”, afima Diego Diarte. “O resultado son colas kilométricas diarias de coches”. Rexeitan de plano a solución proposta polo concello de facer unha nova autovía “que destruirá unha parte do barrio de Bembrive e que dificultaría aínda máis a transición a un modelo de transporte colectivo sostible”.

Consideran que o goberno está a facer “deixación de funcións, mantendo os servizos privatizados de anteriores lexislaturas, e privatizando o que aínda é público, como poden ser os espazos deportivos”.

Sosteñen que o goberno municipal non só abandona as súas obrigas, se non que é belixerante contra as institucions (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concellos limítrofes), contra os vigueses e viguesas (Veciños, bombeiros, funcionarios) e persoas individuais “que se atreven a preguntar por que se fan as cousas”. “Nun mundo no que as cousas se teñen que facer necesariamente de xeito colaborativo, o noso goberno municipal está a pelexar con todos e todas, mentres a cidade perde riqueza e peso económico e político no conxunto de Galicia e do Estado”.