Movemento Sumar Galicia denuncia con firmeza o contido do informe presentado polo Observatorio Feminista Galego e a súa difusión sen análise crítica por parte de varios medios de comunicación. Este informe emprega unha linguaxe transfóbica e patoloxizante, sen base científica nin ética, que contribúe á estigmatización das persoas trans.

O uso do termo “trastorno da identidade sexual” é especialmente grave. A identidade trans non é unha patoloxía, tal e como recoñecen os principais manuais de referencia en saúde mental: o DSM-V e o CIE-11. Este último, avalado pola Organización Mundial da Saúde desde 2022, elimina calquera consideración da disforia de xénero como trastorno mental. A súa utilización neste contexto, por parte de profesionais, representa unha evidente mala praxe e alimenta os discursos que criminalizan as identidades disidentes.
Criticamos tamén a elección da Cass Review como principal referencia, unha revisión criticada internacionalmente por sesgos metodolóxicos, exclusión deliberada de estudos rigorosos e participación de terapeutas opostos aos dereitos trans. Non se pode construír un discurso feminista excluíndo voces expertas e reproducindo mensaxes que rozan as terapias de conversión.
O suposto incremento de “casos” non pode interpretarse como unha ameaza, senón como resultado dun maior acceso ao servizos e recursos que permiten á mocidade vivir con liberdade e sen medo e exercer os seus dereitos.
🔸O feminismo non exclúe. O feminismo non patoloxiza.
🔸Esiximos unha rectificación inmediata do informe por parte do Observatorio Feminista Galego.
🔸Demandamos que os medios asuman responsabilidade informativa e non contribúan aos discursos de odio.
🔸Defendemos a Lei Trans e o dereito de todes a vivir unha vida libre de violencias